A Xunta promove en Baiona a actividade “Amar o mar”

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, promove desde o pasado 1 de xuño a actividade Amar o Mar en colaboración co Monte Real Club de Yates de Baiona. O programa contou hoxe, no seu segundo día, coa participación do director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, que acompañou aos residentes na navegación. Mañá desfrutarán da experiencia outras cincuenta persoas no que será o peche do programa.

Concretamente, hoxe foi a quenda das residencias de Marín e Campolongo (Pontevedra) e do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Redondela, cada un con algo máis dunha quincena de participantes xunto cos seus correspondentes monitores.

Fernando González Abeijón salientou a importancia desta experiencia para os participantes, que puideron coñecer de preto o mundo do mar durante catro horas. Ademais, destacou que esta é só unha das múltiples actividades que desenvolven estes centros e enriquecen a programación diaria dos seus usuarios.

O director xeral tamén agradeceu a colaboración institucional co Monte Real Club de Yates de Baiona, que permitiu poñer en marcha este programa, e puxo en valor a súa implicación. Mañá mércores poderán vivir a experiencia outros cincuenta usuarios.