Os traumatólogos Javier Yáñez e Manuel Castro, da Unidade de Cirurxía da Man do servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica da Área Sanitaria de Vigo, veñen de publicar un libro titulado “Fracturas y pseudoartrosis del escafoides carpiano”.
Trátase dunha monografía sobre a fractura deste pequeno óso situado no pulso, na base do dedo polgar, que é un dos que se lesionan con máis frecuencia e que presentan máis complicacións no seu tratamento. Vai dirixido fundamentalmente a especialistas en traumatoloxía e cirurxía plástica interesados na patoloxía da man.
Segundo indica un dos autores, o doutor Yañez “a abordaxe desta patoloxía é complicada, dadas as características deste óso, que está case completamente revestido de cartilaxe e ten una vascularización característica, polo que seu tratamento sempre xera moita controversia e dúbidas entre os especialistas. Por iso, o obxectivo deste manual era recopilar nosa experiencia e a de colegas doutros hospitais, coa finalidade de servir de guía, sobre todo para os residentes”.
Para isto contaron coa participación de varios especialistas da comunidade galega e algún de fóra de Galicia, sobre todo coa do Dr. Irisarri, que foi un dos pioneiros da cirurxía de man en España.
O Chuvi atende medio cento de fracturas anuais
O escafoides é o primeiro óso externo da primeira fila do Carpo, sendo un dos que se lesionan máis a miúdo. De feito, representan entre un 60-70% de todas as fracturas do carpo. Na Área de Vigo, a Unidade da Cirurxía da Man atende aproximadamente 50 fracturas de escafoides anuais, incluíndo casos agudos y crónicos en fase de pseudoartrose. Na maioría dos casos, este tipo de rupturas preséntase tras unha caída sobre a man. Os síntomas inclúen dor e sensibilidade na zoa xusto debaixo da base do dedo polgar.
Complicación: non consolidación do óso
O tratamento pode variar desde a inmobilización con xeso ata a cirurxía, segundo a gravidade e a localización da lesión.
“As complicacións aparecen cando o óso non consolida ben. Ás veces, tras ter ao paciente coa man inmobilizada durante un par de meses, o óso non logra pegar correctamente, polo que temos que recorrer á cirurxía. Esta é unha das controversias, discernir de inicio cando hai que operar directamente ou intentar antes o tratamento convencional” , explica o outro autor, Manuel Castro.
Outro dos debates clínicos en torno a este tipo de fracturas é o xeito de abordar esta lesión en fase de pseudoartrose ou o manexo cando o carpo remata desgastándose producindo dor e rixidez.
Gran éxito nacional
O libro está estruturado en 9 capítulos, e cada un deles aborda un aspecto diferente desta patoloxía. Ademais, inclúe numerosas imaxes radiolóxicas e iconografías de gran calidade. A tirada inicial deste Manual foi de 500 exemplares. Ante o éxito e gran expectación acadada na súa presentación, no congreso nacional da Sociedad Española de Cirugía de Mano, vaise difundir tamén “on line”, a través das sociedades científicas relacionadas coa cirurxía de man.

