Nigrán súmase ao “apagamento” deste domingo polo Día Mundial do Medio Ambiente

O Concello de Nigrán súmase este domingo ao “apagamento” convocado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que este ano se conmemora baixo o lema #OnlyOneEarth. O municipio apagará o alumeado do consistorio a partir das 23:00 horas para participar xunto a unha deputación e 21 localidades de toda Galicia. A acción encádrase no proxecto europeo “People and Planet”, que implica á mocidade e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático.

Aínda que o consumo enerxético diminuíu en Galicia un 11,2% en 2020, tratouse dunha caída coxuntural debida ao descenso da actividade por mor da Covid-19. Segue a ser, por tanto, un tema preocupante na actualidade, polo seu impacto ecolóxico pero tamén na economía das familias, de aí que cumpra seguir fomentando o aforro de enerxía, sen deixar de lado a visión crítica sobre os actuais sistemas de produción.

Tanto as institucións como a cidadanía poden tomar medidas neste senso, como empregar o transporte público ou a bicicleta, elixir aparellos de baixo consumo, programar unha temperatura racional nos espazos pechados, encher ben a lavadora e o lavalouza ou apagar as luces e dispositivos como o ordenador cando non os utilicemos. En xeral, consumir menos e facelo dun xeito responsable contribúe a combater a emerxencia climática e, polo tanto, a manter o quecemento global por debaixo de 1,5°C neste século, o máximo aceptable para evitar consecuencias irreversibles sobre a vida do planeta e das persoas.

O “apagamento ambiental” proposto polo Fondo Galego é unha das máis de 50 actividades que se están a impulsar nos concellos socios dentro do proxecto “People and Planet”, que van desde accións de rúa como o flashmob e a performance ata obradoiros de cociña sustentable, debuxo urbano, exposicións virtuais, retos virais, etc. Ademais, neste marco vén de poñerse en marcha en oito países a campaña “Water of the future”, co fin de situar na axenda pública a problemática da escaseza de auga a nivel global e as súas graves consecuencias, así como fomentar hábitos sostibles cos que contribuír a mitigar esta situación.

#PeopleAndPlanet

O proxecto “People & Planet: un destino común” ten como obxectivo concienciar ás mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, busca tamén reforzar aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030, en especial o ODS 13, que chama a adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático e os seus efectos. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 19 entidades de Galicia, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde.