O grupo municipal de Podemos Baiona solicitou mediante rexistro que o Concello realice os traballos de mantemento necesarios no carril bici na zona de Santa Marta para arranxar os danos que afectan ao pavimento no tramo que vai dende a saída do paseo de madeira (Ladeira), no camiño do porto, ata a rotonda do camiño da ermida (Santa Marta), tramo polo que discorre o carril bici, así como mellorar a súa sinalización, evitando que se utilice como aparcadoiro de vehículos particulares, obrigando a ciclistas ou usuarios de patíns, monopatíns, etc.. a transitar pola estrada para o que tamén instan á Policía Local a facer máis controis do estacionamento.
O portavoz de Podemos, José Ramón Estévez, indica que esta petición recolle a demanda dos usuarios que empregan o carril habitualmente para desprazarse pola vila ou simplemente para practicar deporte, sendo estes usuarios os que realmente coñecen cada centímetro do carril bici e as súas carencias. Estévez precisou que o que busca esta petición é incidir na necesidade de mellorar e manter as actuais instalacións e infraestruturas, incidindo fundamentalmente na reparación do firme, a falta de pintura específica e a visibilización das liñas (ou topes) que o delimitan, así como a mellora da sinalización como se fixo no tramo cara a Baredo.
O portavoz de Podemos lembra que o Goberno de España (tal e como anunciou o alcalde no pasado mes de marzo) achegou 2 millóns de euros para o desenvolvemento do Plan de Sostibilidade Turística do Concello con cargo aos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O principal obxectivo deste plan é establecer estratexias para que os modos de desprazamento dos cidadáns sexan cada vez máis sostibles, o que pasa por potenciar modos de mobilidade verdes como o uso da bicicleta.
“Ante o aumento da presenza de ciclistas, unha das liñas de traballo con marxe de crecemento na nosa vila, cómpre favorecer e apostar pola mellora de infraestruturas como as do carril existente. Por iso dende Podemos solicitamos ao Concello o seu compromiso de acometer canto antes as obras de mellora e mantemento, priorizando facelo no tramo descrito pola nosa formación”, conclúe Estévez.

