Xornadas sobre a sexualidade nas persoas maiores en Nigrán

O Concello de Nigrán súmase novamente coa Sociedade Galega de Sexoloxía á “Semana da Diversidade Sexual” coa celebración este venres e sábado (3 e 4 de Xuño) no Auditorio Municipal dunhas xornadas dedicadas á sexualidade nas persoas maiores. Os interesados en asistir poden facelo presencialmente ou online inscribíndose previamente no mail sogasex@gmail.com para recibir os links pertinentes das videoconferencias. Toda a programación está a disposición dos interesados en http://www.sogasex.es

A xornada será inaugurada o venres ás 18:00 horas polo alcalde de Nigrán, Juan González; a edil de Asuntos Sociais, Bibiana Peixoto; e a presidenta de Sogasex, Purificación Leal. Continuando coa proposta anual de SOGASEX de mostrar imaxes e narrativas sobre as sexualidades, este ano abordarase o proceso de envellecer e as representacións que diso temos. Para a realización deste retrato contarase coa presenza de diferentes persoas, desde profesionais da sexología, da área sanitaria, docente e intervención social, a outras en representación de entidades educativas, sociosanitarias e culturais locais e do activismo sexual. Con eles haberá relatorios, coloquios, faladoiros… Ademais, proxectaranse senllos documentais e unha película.