Ofensiva contra o tabaco na Área Sanitaria de Vigo: “Eu non fumo”

Profesionais sanitarios de Pneumoloxía, Medicina Preventiva, Cardioloxía e Medicina Familiar e Comunitaria uníronse hoxe para expresar o seu rexeitamento fronte ao tabaco e enviar unha mensaxe contundente para concienciar á cidadanía: o tabaco mata. De feito, segundo a OMS, é a principal causa de morte evitable no mundo.

Así, hoxe colocáronse unhas camisetas co lema “Eu non fumo” e instalaron dúas mesas informativas, no Centro de Saúde de Lavadores e no Hospital Álvaro Cunqueiro, nas que os profesionais ofreceron información e repartiron folletos explicativos sobre os efectos nocivos do tabaquismo e dos diferentes tratamentos para deixar esta adicción.

Trátase dunha enfermidade crónica polo que para a súa abordaxe son precisas estratexias que vaian desde a prevención ata o tratamento e a rehabilitación. Na Área Sanitaria de Vigo funcionan varias Unidades específicas de Deshabituación Tabáquica, sitas no Hospital Nicolás Peña, no Meixoeiro, no Álvaro Cunqueiro e no Centro de Saúde de Lavadores.

Ademais, en todos os centros de saúde, os facultativos están a disposición dos fumadores que queren deixar o tabaco para darlles pautas a seguir ou aconsellar sobre as mellores maneiras de atallar o hábito.