O BNG denuncia absoluta improvisación e falla de previsión do Goberno local na execución das obras que promove

O Bloque Nacionalista Galego denuncia a absoluta improvisación e falla de previsión do Goberno local á hora de executar as obras que promove. Un claro exemplo é a que afecta á rotonda da confluencia das rúas Emigrante e San Bieito coas estradas a Peitieiros e Chaín que desde o seu inicio, “ademais doutros trastornos para a circulación, semella unha montaña rusa que supón un claro dano para os vehículos de particulares e para os que realizan servizo de transporte público ás parroquias afectadas”, denuncia Manuela Rodríguez, Portavoz Municipal do BNG en Gondomar.

Desde o BNG indican que a falla de previsión dos problemas co tráfico, de habilitación de vías alternativas e de sinalización provocou, xa nos primeiros días da obra, atascos ao coincidir varios autobuses dos institutos orixinando atraso na chegada de alumnado aos centros. Tamén obrigou ao cambio do itinerario dos autobuses do transporte de viaxeiros, por non poder subir por Chaín, co conseguinte desfase no horario de paso polas paradas desa parroquia, de Morgadáns e Peitieiros, por ter que facer o recorrido inverso sen previo aviso ás persoas usuarias.

Unha situación similar de falla de planificación viviuse durante as obras das rúas Emigrante e Pereiras e na posterior ordenación do tráfico, que obrigou ao goberno a cambiar o sentido da circulación en ambas rúas debido á dificultade para manobrar os vehículos grandes e pesados. “O que aínda está sen facer é a adecuación a eses cambios dos lombos redutores da velocidade, xa de por si demasiado elevados para calquera sentido da marcha”, lembra o BNG.

Eliminación de prazas de aparcamento na Vila

Para o BNG, outra das consecuencias de non planificar as actuacións ten que ver coa eliminación de prazas de aparcamento na Vila sen previamente ter habilitado novos aparcadoiros, “un goberno non pode improvisar aparcadoiros con menos prazas das que elimina e sen adaptar o acceso para os vehículos, como fixo no ‘mini-leira-park’ ao carón da estación de autobuses”.

Para o BNG “non é de recibo que unha vez creado o problema saia o Alcalde anunciando supostas solucións, como a última sobre a creación dun novo gran aparcadoiro, cando Gondomar aínda está a agardar hoxe polas 200 prazas de aparcamento gratuíto na Rúa das Ánimas”, prometidas en 2019 para ‘aliviar os problemas de espazo na contorna do novo centro de saúde’ en palabras do propio Ferreira. “Claro que a el non lle preocupa este tema porque ten praza reservada os 365 días do ano”, indican.

A organización nacionalista solicitará do Goberno local información sobre a xestión das obras e promoverá iniciativas dirixidas a compensar a persoas e colectivos afectados, como a redución ou exención da taxa do imposto de rodaxe.