A Área Sanitaria de Vigo deu a benvida hoxe aos 111 graduados que elixiron Vigo para cursar a súa especialidade sanitaria. Como novidade, pódese subliñar que este ano o Chuvi conta co primeiro residente en alergoloxía.
O xerente da Área, Javier Puente, que foi o encargado de presidir o acto de recepción, asegurou que “nos últimos anos a Área sanitaria ten apostado forte pola Docencia e, desde a apertura do Cunqueiro incrementáronse en 42 o número de prazas docentes nas distintas especialidades, polo que nestes momentos pódese dicir que Vigo xa ten consolidada a súa capacidade docente”.
Destas 42 novas prazas, catro son Unidades docentes de nova acreditación: os servizos de Alergoloxía, Cirurxía Plástica, Microbioloxía, e Reumatoloxía. As 38 restantes corresponde a incrementos de prazas en Unidades que xa tiñan acreditación.
90 facultativos e 21 enfermeiras
Os 111 novos residentes que se incorporaron hoxe se formarán en 40 especialidades diferentes. Deles, 90 son facultativos e 21 enfermeiras. Maioritariamente os facultativos residentes son graduados en Medicina aínda que tamén comezan a súa formación graduados en Psicoloxía ou Radiofísica Hospitalaria.
As 21 graduadas en Enfermería distribúense en 4 de Pediatría, 2 de Saúde Mental, 5 matronas e 10 de Medicina Familiar e Comunitaria.
A especialidade que conta un maior número de residentes é Medicina Familiar e Comunitaria, cun total de 24 novos residentes. A continuación, o servizo de Pediatría con 7 residentes de primeiro ano, seguido cos 4 de Anestesia e Reanimación e outros 4 de Radiodiagnóstico. Medicina Interna e Psiquiatría dispoñen de 3 novos residentes cada un deles. O resto dos servizos contarán con 2 ou 1 residente de primeiro ano.
1700 alumnos en formación
Na actualidade, na Área Sanitaria de Vigo hai un total de 1700 estudantes que cursan diversas disciplinas nos centros asistenciais. Destes, 390 son graduados, residentes que realizan o seu período de formación especializada.

