Baiona entrega aos centros educativos exemplares dos libros “Camiño Portugués da Costa” e “Dedas”

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, fixo entrega esta mañá á Directora do CPI Cova Terreña, Isabel Martínez Cabaleiro, duns exemplares dos libros infantís “Camiño Portugués da Costa” e “Dedas” para o alumnado do colexio. Así mesmo, os restantes centros educativos tamén recibiron estes días os exemplares de ambos os dous libros distribuídos en función do alumnado de cada un dos colexios. Así, os libros do “Camiño Portugués da Costa” fixéronse chegar en idioma galego e inglés aos centros que imparten educación Primaria, CEIP Fontes-Baíña, CEIP Belesar e CEP Sabarís, onde se atopa o estudantado idóneo para este tipo de libro. Mentres que os de “Dedas” se levaron aos centros con aula de educación infantil: Galiña Azul, Areal, CEIP Fontes-Baíña e CEIP Belesar.

O libro do “Camiño Portugués da Costa” “busca e atopa” convida os lectores a descubrir as distintas paradas deste Roteiro Xacobeo, desde O Porto a Santiago de Compostela pasando por Baiona. A publicación propón aos máis pequenos e pequenas atopar ao Apóstolo en cada unha das trece ilustracións cheas de detalle das diferentes localidades: O Porto, Póvoa de Varzim, Viana do Castelo, A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo, Redondela, Pontevedra, Caldas de Reis, Padrón e Santiago de Compostela. Tamén inclúe unha breve descrición e datos curiosos da poboación á que acompaña.

Por outra banda, o libro evolutivo “Dedas” trátase dun conto ilustrado de 64 páxinas onde brota a poesía en cada liña. Un libro evolutivo para nenos de 1 a 6 anos. Trátase dunha historia fermosa na que se xoga coas repeticións para darlle musicalidade e na procura continua dun uso didáctico. Os pequenos aprenden a contar cales son os días da semana, os meses do ano… todo nunha liña de xogo con sorpresa final que ve realidade coas bellísimas ilustracións que acompañan á escritura.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, sinala que “o mellor lugar para un libro é o andel das bibliotecas escolares, onde poden cumprir coa súa dobre función: formativa e informativa. A entrega destes exemplares aos colexios redundará en favor dun mellor coñecemento do Camiño Portugués da Costa que pasa polo noso municipio e con Dedas ensínase respecto e diversidade aos nenos”.

Ademais, “desde o Concello de Baiona quixemos mostrar o noso apoio ás persoas autoras destes dous interesantes proxectos. Ramón Quintás e Noelia Muíños, os artífices do libro “Camiño Portugués da Costa” e de Papelier, unha tenda estudo de deseño e ilustración con sede en Baiona. Tamén a Soledad García, Laine Villero e Natalia Guisande, compoñentes de Solaina, grupo de fusión de arte do Val Miñor, e artífices de Dedas”.

Tamén se depositaron exemplares de ambos os dous libros na Biblioteca Municipal de Baiona.