Baiona asina o seu primeiro convenio coa Asociación Española contra o Cancro

O Concello de Baiona asinou por primeira vez un convenio coa Asociación Española contra o Cancro que se fixo efectivo esta mañá co obxecto de concienciar á sociedade para avanzar na prevención e control desta enfermidade, así como para axudar aos pacientes oncolóxicos. Un acordo que rubricaron o alcalde, Carlos Gómez Prado, e a presidenta da AECC de Pontevedra, María del Carmen Abeledo Márquez. Na firma tamén estivo presente a concelleira de Servizos Sociais, Conchy Vara.

Pola súa banda, a presidenta da AECC puxo en valor que se “formalizou o acordo, polo que é un fito importante”. Ao seu xuízo, este convenio “vai redundar en beneficio dos cidadáns porque nós centrámonos en axudar ás persoas que teñen cancro en tres aspectos: na persoa, en darlles apoio psicolóxico e de todo tipo, en darlles axudas sociais e tamén en investigación, e dentro da misión de centrarnos na persoa está a prevención”, algo moi importante porque este tipo de accións “salvan a vida das persoas”.

Polo que respecta aos fins que se estipulan no acordo, o Concello informará e promoverá a concienciación á cidadanía sobre os factores para a prevención e detección precoz do cancro, e diminuír así a taxa de incidencia e/ou mortalidade, así como a promoción de hábitos saudables. Información que o Consistorio ofrecerá a través das súas canles de comunicación, ademais de que colaborará nos actos benéficos, campañas, xornadas e outras accións da AECC de Pontevedra.

Tamén dará a coñecer os servizos e recursos que ofrece a AECC de Pontevedra, como a atención aos pacientes e ás súas familias, concretamente orientación social (axudas económicas de emerxencia, préstamo de material ortoprotésico, orientación sobre prestacións e recursos sociais…), atención psicolóxica (apoio para facer fronte ao malestar emocional causado pola enfermidade e os seus tratamentos, mellorar a comunicación coa familia, os amigos e o equipo médico), asesoramento médico-sanitario (aclaración de dúbidas relacionadas co diagnóstico, os tratamentos ou os efectos secundarios, pautas de enfermería…), fisioterapia (para a prevención e o tratamento de problemas derivados da enfermidade) e voluntariado de acompañamento (acompañamento hospitalario, soporte de xestións básicas fose do domicilio, compras en farmacia…).

O primeiro edil mostrou a súa satisfacción polo feito de que “por primeira vez este Concello asina un convenio con esta entidade que tan bo labor fai de divulgación e concienciación, así como de apoio e acompañamento ás persoas que padecen esta enfermidade. O obxectivo é estreitar os lazos que nos unen para traballar xuntos e facer canto estea na nosa man para axudarvos no voso labor e colaborar naqueles actos que organicedes”.