Nigrán cumpre 40 anos como referente na hípica

FOTO: PEPE COSTAS // O campionato internacional de salto en 1994 foi o máximo expoñente das competicións nas que o club nigranés estivo involucrado.

O único club de hípica recoñecido oficialmente en Nigrán e un dos máis antigos da provincia comeza unha nova andaina xusto cando está a piques de cumprir corenta anos desde a súa entrada en funcionamento. O seu fundador, Miguel Ucha lembra coma se fose onte o fervor dos 90, cando Nigrán chegou a ser referente no panorama competitivo e cunha afluencia de público que chegou a colapsar os accesos ao municipio. A Administración local concedeu oficialmente a licenza de actividade ao Club Hípico “El Estribo” un 12 de outubro de 1982, nun momento no que esta práctica era moi exclusiva, elitista e pouco coñecida, ata o punto de que aínda non se conformou a Federación Galega de Hípica como tal. Calquera aspecto relacionado co sector dependía da comunidade veciña de Asturias, estaban fusionadas baixo o termo “asturgalaica” e o seguinte banzo xa pasaba directamente a nivel nacional.

Ucha expúxose o obxectivo de achegar este deporte a todos, desde a alta competición a unha orientación de corte lúdico. Polas súas instalacións pasaron auténticas personalidades do mundo empresarial e deportivo local e nacional, algúns deles hoxe dedícanse profesionalmente a este mundo. Así, Conrado Pérez Martínez e Conqui Villa, propietarios do Centro Ecuestre O Galiñeiro e Club deportivo ecuestre Conqui Villa; Manuel Rodríguez (Poliships) ou Manuel Tapias e fillos son algúns dos que fixeron os seus primeiros pasos desde o complexo situado na Ramallosa.

O certo é que o deporte gustaba, e aos poucos a entidade foise facendo un oco no panorama da competición. Desde aquí organizábanse nos 90 as carreiras de puro sangue que percorrían a galope Praia América, que discorría por onde hoxe atópase o paseo de primeira liña. Concursos de doma clásica, morfolóxicos e marcha de andaina galega, foron algúns dos certames que se xestaron desde a parroquia de Nigrán. “Fixemos ámbito en todo o sector desde o máis alto nivel ao máis baixo”, lembra Ucha. O cume desde o punto de vista das competicións non chegou ata o verán de 1994 coa celebración do concurso internacional de saltos, posteriormente Copa do Mundo, aproveitando que acababa de rematar o que se celebraba en Vigo todos os meses de agosto organizado por Manolo Fernández (Pescanova) que á súa vez contaba con toda a infraestrutura necesaria para poder levalo adiante, desde carpas a todos os elementos para completar o percorrido. Mediante a intervención de Alfonso Paz Andrade e Jacobo Fontán lograron a cesión de todo o necesario para repetir este certame en Lourido, de xoves a domingo e cunha proba nocturna incluída. “Estivo toda a elite como o actual seleccionador nacional de saltos de obstáculos, Alberto Honrubia, tamén o olímpico Luis Astolfi”, lembra. Os hostaleiros locais viron o filón e as dimensións da iniciativa ao momento e sen pensarllo participaron activamente facendo achegas para os premios, como foi o caso de Los Abetos ou o Area Loura. “Colapsáronse as vías da cantidade de público que houbo durante os catro días de competición, isto é un paraíso e foi a maridaxe perfecta”, relata Ucha. Pouco despois o promotor da hípica con denominación de orixe nigranesa comezou a apartarse tras máis dunha década ao pé do canón e das instalacións encargouse Rafa Fociños, pai de Gonzalo e Blanca Coronel. Agora as instalacións foron sometidas a unha intensa actualización e posta a punto coa modernización das súas 23 cuadras e o recheo da pista regulamentaria para a doma, todo supervisado pola alma mater do complexo Miguel Ucha, desde principios de verán as clases de hípica volverán a San Pedro da Ramallosa da man de Judith García que rebautiza o centro como “Llamas de Cea”. Tres xeracións cun mesmo obxectivo: manter vivo o espírito ecuestre no Val Miñor. A nova etapa do club conta co apoio do alcalde Juan González e contemplan a posibilidade de impartir actividades tanto para veciños como nos centros educativos.

Máis de 3.000 metros cadrados e 23 cuadras

Judith García Llamas é natural de León e leva dous anos residindo en Nigrán. Primeiro pasou por Madrid e Portugal, finalmente acabou no Val Miñor. A través dun contacto en común estudaron a posibilidade de trasladar a súa decena de cabalos que na actualidade ten nun pequeno recinto en Zamáns ao de San Pedro e instalarse para poder dar clase. O proxecto vai como unha seda e as instalacións do antigo centro hípico “El Estribo” adáptanse á perfección. Teñen unha capacidade para albergar a 23 équidos, con cuadras independentes e bebedoiros automáticos. Actualmente están a adecuar a pista con area de río coas dimensións necesarias para contar coa homologación que lles permita celebrar campionatos regulamentarios, que de inicio estarán limitados á modalidade de doma con 20×60 metros. O complexo ten unha extensión de pouco máis de 3.000 metros cadrados e está prevista a adecuación doutro espazo destinado ao quecemento de 20×40. Agora están a ultimar os traballos de renovación do complexo, e nos próximos días instalarán toda a delimitación do espazo de práctica denominado cuadrilongo. O inicio da actividade está fixada para o próximo mes cos servizos de pupilaxe, clases e terapia ecuestre impartida por Carmen González Fernández, especialista en Intervención Asistida.