Quantum Racing, novo líder na Baiona Sailing Week

A ABANCA 52 SUPER SERIES • Baiona Sailing Week cruzou este xoves o seu ecuador cunha xornada na que se disputaron dúas novas probas nun campo de regatas situado fronte ás illas Cíes. O equipo estadounidense Quantum Racing foi o claro vencedor do día tras levar as dúas mangas e colocarse á fronte da clasificación provisional.

Completadas tres xornadas e seis probas, e a falta das dúas últimas etapas da competición organizada polo Monte Real Club de Yates, o estadounidense Quantum Racing afrontará a segunda parte da regata con dous puntos de vantaxe sobre o alemán Platoon e seis sobre o surafricano Phoenix, que van segundo e terceiro respectivamente.

Na terceira fase disputada este mércores, o vento tardou en establecerse na ría de Vigo e a frota tivo que esperar ata case as tres da tarde para saltar ao terreo de xogo. O Alegre cruzou a liña antes de tempo e viuse obrigado a repetir a saída mentres os seus rivais comezaron a distribuírse polo campo.

O Gladiator do armador británico Tony Langley, que esta semana conta a bordo co español Xabi Fernández, asomou pronto a proa ao apostar pola dereita do campo, pero era o tailandés Vayu o que chegou na cabeza ao primeiro paso por boia, e o Gladiator o que acabou finalmente primeiro. Seguíronlle na liña de chegada os estadounidenses Interlodge e Quantum Racing.

Para a segunda manga do día, o vento subiu por encima dos 15 nós. O Gladiator tentou repetir a coreografía da proba anterior, pero foi expulsado da liña de saída polo Interlodge e tivo que regresar para iniciar o percorrido desde a cola do pelotón.

O mellor na subida á primeira boia foi o Quantum Racing e o resto da proba acabou sendo un recital do barco estadounidense, patroneado en Baiona polo seu armador Doug DeVos e coa táctica do experto de America’s Cup, Terry Hutchinson.

Un cambio de percorrido no ecuador da proba non afectou o rendemento do cuádruplo campión das 52 SUPER SERIES, que asinou unha contundente vitoria para consolidar un merecido liderado. Seguíronlle na chegada o Platoon e o Alegre.

Para a cuarta xornada de competición das 52 SUPER SERIES en augas de Galicia, Quantum Racing lidera a provisional con dous puntos de vantaxe sobre o alemán Platoon e seis sobre o Phoenix, que cedeu dúas posicións na xornada máis discreta da semana (8+6).

A ABANCA 52 SUPER SERIES • Baiona Sailing Week celébrase no Monte Real Club de Yates co patrocinio de ABANCA e Turismo de Galicia a través do Xacobeo ata o sábado. Antes da entrega de premios prevista para ese día final, as tripulacións poderán gozar dunha cea ofrecida polo club organizador no village da regata, no que están instaladas carpas de Terras Gauda, Martin Miller’s Gin, Estrella Galicia e Coren, entre outras.