
Os nenos e nenas de Nigrán poderán desfrutar este verán da natureza da contorna con teatro e cultura. A cooperativa SomosTerra e Teatro do Ar unen forzas para sacar adiante un campamento que durante xullo e agosto encherá o CPI Arquitecto Palacios de Panxón de actividades para que os pequenos e pequenas aprendan a desfrutar e a coidar do noso patrimonio natural e tamén cultural.
Dende a organización explican que “neste campamento queremos achegar aos pequenos e pequenas á natureza e á arte a través de actividades de horta, colleitas, excursións e obradoiros e xogos teatrais cun equipo formado por biólogas, educadoras ambientais e actrices para que os nenos e nenas aprendan e desfruten ao máximo do seu verán en Panxón”. Entre as actividades que se programarán semanalmente hai, entre outras, obradoiros que promoven o coidado do medioambiente, excursións para coñecer a natureza da comarca, obradoiros de cultivo na horta ecolóxica do colexio para aprender sobre sostibilidade e dieta saudable, clases de teatro como ferramenta para a promoción de valores e deportes.
As inscricións ao campamento xa están abertas e os prezos van de 200 euros o mes enteiro, 150 euros a quincena, 80 euros a semana e 15 euros días soltos. O alumnado do programa Agroecoloxía na Escola que se desenvolve no (CPI Arquitecto Palacios, CEIP Humberto Juanes, CEIP Mallón, CEIP Carlos Casares e CEIP Da Cruz) e o da Escola de Teatro de Nigrán poderán acceder a descontos do 10 ao 15 %, aos que tamén poderán acceder as familias que contraten o campamento completo, as que apunten a máis dun neno e as familias monoparentais.
Tanto Somos Terra como Teatro do Ar teñen ampla experiencia no traballo en valores cos nenos e nenas. A cooperativa de Nigrán traballa para impulsar a transformación socioecolóxica a través de proxectos para a cooperación local e a participación social. Conta con experiencia en animación infantil e familiar enfocada á educación para a sostibilidade en diferentes centros educativos e concellos, a través de programas educativos e obradoiros presenciais e dixitais. Por outra banda, Teatro do Ar tamén conta cunha dilatada experiencia no traballo con menores a través do teatro tanto en actuacións como na Escola de Teatro de Nigrán que dirixe.