
O Concello de Nigrán finaliza a súa programación especial polo mes das Letras Galegas este domingo 29 de Maio ás 20:00 horas no Auditorio Municipal coa obra “Qué familia!!” da compañía viguesa Atrezo. Trátase dunha comedia social para toda a familia cunha duración de 80 minutos. A entrada é de balde ata completar aforo.
Vivimos nunha sociedade de xente “PRESCINDIBLE”, que son todos aqueles que non dan beneficios, e si son vellos? Ai, os vellos…!, lentos , torpes, dan traballo… e se aínda por riba quen ten que coidarte é a NORA…xa verán xa!!, sinala a sinopse.
Esta é a primeira obra que se ofrece neste ano a través do convenio coa Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea), repetindo así a boa experiencia de 2021. Deste xeito, o Concello achega 7.000 € que permiten traer a Nigrán dez obras de compañías de teatro afeccionado de toda a comunidade. Así, as funcións continúan o 5 con Teatro do Ar e 12 de xuño con Farándula Velutina, ademais doutras representacións noutras datas aínda por definir.