Baiona abre o prazo de inscrición para o certame de alfombras florais

A Concellería de Cultura de Baiona e a Asociación de Empresarios e Comerciantes de Baiona (ACEBA), coa finalidade de fomentar a participación de colectivos sociais, deportivos e culturais da vila para potenciar as tradicións e as costumes máis devanceiras, convoca un concurso de alfombras florais.

Os tapices adornarán o percorrido da procesión do Corpus que este ano será o domingo 19 de xuño, tras a Misa das 12:00 horas, na Igrexa de Santa María de Baiona. A comitiva discorrerá por sete rúas baionesas, que lucirán as tradicionais alfombras florais do Corpus: Manuel Valverde, San Lorenzo, Conde, Ventura Misa, Lorenzo de la Carrera, San Xoán-Laxe e Santa Liberata.

As axudas serán de 200 euros por cada tapiz dun mínimo de 40 metros de lonxitude e 50 euros por alfombra na zona dos altares (cunha dimensión de 3×3 metros lineais). Aquelas persoas que queiran participar deberán inscribirse desde hoxe mesmo ata o 10 de xuño, ambos os dous inclusive.

A inscrición para participar deberá formalizarse na Oficina de Rexistro do Concello en horario de 9:00 a 14:00 horas ou na Sede Electrónica do Concello: baiona.sedelectronica.gal. A documentación necesaria para a solicitude está dispoñible na páxina web municipal http://www.baiona.gal.

Despois da recollida da flor, a confección comezará a véspera da procesión a partir das 22:00 horas do sábado 18 de xuño, cando se cerrarán ao tráfico todas as zonas sinaladas para poder traballar toda a noite.