O tailandés Vayu sorprende na estrea da ABANCA 52 SUPER SERIES Baiona Sailing Week

Espectacular inicio da ABANCA 52 SUPER SERIES • Baiona Sailing Week. As Rías Baixas galegas viviron esta tarde con gran expectación as primeiras probas da competición que chegou a Galicia da man do Monte Real Club de Yates e grazas ao patrocinio de ABANCA e Turismo de Galicia a través do Xacobeo.

Tras os adestramentos oficiais do luns, a cita cos TP52 tomou un cariz máis serio este martes coa entrada en xogo das primeiras puntuacións e a sorpresa do día deuna o barco tailandés Vayu, debutante no circuíto. Os tailandeses tiveron un rendemento excepcional en augas galegas e deixaron atrás a equipos con moita máis experiencia.

Timoneado por Don Whitcraft e coa táctica do medallista olímpico británico Nick Rogers, o equipo reforzou a súa tripulación en Baiona coa incorporación do cántabro afincado en Vigo Antonio “Ñeti” Cuervas-Mons.

“A clave hoxe estivo en que tivemos un par de saídas moi boas que nos permitiron estar no grupo de cabeza no primeiro paso por boia, e a partir de aí é máis fácil manter esa posición. O táctico leu moi ben o campo, especialmente nas primeiras popas indo sempre polo lado dereito, pero sobre todo hai que destacar que Don, o cana, levou o barco como un auténtico profesional. Hoxe non tivo nada que envexar aos demais patróns, levou o barco que dá gusto”, explicaba Cuervas-Mons ao finalizar a regata.

O debut das 52 SUPER SERIES en augas galegas foi todo un éxito. A área de regatas situada na entrada da ría de Vigo presentou unhas moi boas condicións de vento de compoñente noroeste que permitiron celebrar as dúas primeiras probas das dez que compoñen o programa en Baiona. A contenda comezou con ventos de 8-9 nós de intensidade na saída da primeira manga do día e subía a 13-14 ao comezo da segunda, sempre con mar practicamente chaira, condicións ideais para a competición de TP52.

A pesar da sorpresa do Vayu, a primeira proba da tempada foi toda unha demostración de forza do Phoenix de Hasso Platner. O campión olímpico Tom Slingsby, táctico do barco surafricano, soubo ler mellor que os seus rivais un campo de regatas inédito no circuíto cando apuntou á beira dereita do percorrido fronte á decisión do resto da frota de irse á esquerda.

Tras uns minutos iniciais liderados polo Interlodge á fronte do groso do pelotón, Phoenix asomou polo extremo oposto do campo e púxose á fronte a metade do primeiro tramo para iniciar unha escapada pouco habitual na area das 52 SUPER SERIES. Máis de dous minutos de vantaxe na liña de meta confirmaron a candidatura do Phoenix ao grupo de favoritos neste arranque de tempada.

Segundo finalizou o Vayu da familia Whitcraft, a gran sorpresa en Baiona. O barco tailandés colocouse na cabeza do grupo perseguidor desde o primeiro paso por boia e soubo defenderse dos ataques de rivais con máis experiencia no circuíto, asinando un sólido segundo por diante do gañador das 52 SUPER SERIES 2021 e actual campión do mundo de TP52, o estadounidense Sled, que hoxe recuperaba ao temón ao seu armador Takashi Okura.

A segunda manga do día foi para o Platoon de Harm Müller-Spreer , que optou polo lado dereito do campo, unha zona que volveu ser a aposta gañadora do día, aínda que non tan determinante como na proba previa. O tándem formado polo táctico estadounidense John Kostecki e o estratego mallorquino Jordi Calafat conseguía resarcirse do discreto quinto do primeiro asalto cunha valiosa vitoria que lle permitía ascender á terceira posición da provisional.

Por detrás do barco alemán protagonizaron un apaixonante duelo pola segunda praza o Phoenix e o Vayu que se decantaba de lado do barco tailandés por só tres segundos na liña de meta. A suma dos dous parciais da xornada permitía ao Phoenix (1+3) regresar ao Monte Real Club de Yates de Baiona (MRCYB) como primeiro líder da tempada, empatado a puntos co Vayu (2+2).

A acción da ABANCA 52 SUPER SERIES Baiona Sailing Week regresa mañá mércores, mércores, a partir da unha da tarde, coas primeiras probas. Previos á competición, momentos de relax no village do Monte Real, con almorzos e reunións das tripulacións e equipos técnicos; e pola tarde, ao finalizar as probas, de novo apertura do village para as degustacións de Martin Miller’s Gin, Estrella Galicia e Coren, entre outras.