Nigrán inviste 3.279 € nunha randeeira múltiple para o parque de Praia América

O Concello de Nigrán investiu 3.279 € na compra dunha randeeira múltiple para o parque de Praia América, onde xa está instalada. O aparato, cunha estrutura pentagonal, permite que cinco menores se balanceen simultaneamente e poidan interaccionar e socializar ao haber contacto visual entre todos. Ademais, as cinco cadeiras dispoñen de barras de protección para que os pequenos non saian cara adiante.

Este investimento súmase a outros 10.160 € realizados no 2021 a través das baixas do Plan Concellos 2018-2019 na ampliación de outros elementos de xogo deste mesmo parque. En concreto, nesa ocasión fora un novo conxunto modular composto por torres con tellado, ponte, tobogán, rede e elementos para trepar, escaleira e unha randeeira para nenos e outra para bebés.

“Trátase dun dos parques infantís con maior uso do municipio e requiría certa renovación e con aparellos máis novidosos”, sinala o alcalde, Juan González, quen destaca que nos últimos anos foron renovados todos os parques infantís da localidade e incluso se crearon outros (caso do Torreiro de Camos, Vilariño ou Grela en Nigrán). O rexedor avanza que seguirá apostando por “crear e mellorar novos espazos de esparexemento” para a infancia pero tamén para maiores cos parques biosaudables e para deportistas con elementos axeitados para o adestramento ao aire libre como a calistenia de Panxón.