Ensaio xeral das 52 SUPER SERIES nas Rías Baixas

Os nove TP52 que se disputarán a partir deste martes a ABANCA 52 SUPER SERIES • BAIONA SAILING WEEK organizada polo Monte Real Club de Yates realizaron hoxe un ensaio xeral nas Rías Baixas cunha xornada de adestramento oficial.

Un menú de tres probas curtas cunhas condicións meteorolóxicas que foron de menos a máis e permitiron cumprir co programa previsto, permitíndolle á frota tomar o pulso a unha zona que nunca antes acollera unha proba de TP52.

As vitorias parciais nesta regata con bala de fogueo corresponderon ao alemán Platoon de Harm Müller-Spreer, o surafricano Phoenix de Hasso Platner e o turco Provezza de Ergin Imre.

Ao termo da regata de adestramento, Tom Slingsby, táctico do Phoenix, mostrábase impresionado co escenario. “É a miña primeira vez aquí, en Baiona e en Vigo, e é precioso”, explicaba de regreso ao MRCYB o campión olímpico e de America’s Cup. “É probablemente un dos lugares máis fermosos nos que naveguei: Unha costa espectacular, montañas, moito verde e illas, augas transparentes, praias preciosas… Encantaríame ter un día libre e explorar esas praias”.

As boas sensacións de Slingsby esténdense ao resto da frota. “Tanto en terra como no mar, os comentarios son moi bos”, explica Víctor Mariño, o regatista vigués a bordo do Platoon. “A xente non se espera isto, non están afeitos vir a España e ver un escenario así, tan verde. Nós empregamos máis horas adestrando estes días que en toda a tempada pasada, e iso é porque o pasan ben, gústalles, porque é bonito navegar na ría de Vigo”.

Despois de impoñerse na segunda manga do día a bordo do Phoenix, Tom Slingsby parece entender o funcionamento do primeiro campo de regatas galego da historia das 52 SUPER SERIES: “É bastante complicado, tanto pode funcionar a dereita como a esquerda. Tes que apostar por unha banda, xogar cos roles e confiar en que funcione, porque se te quedas no medio podes ter problemas”, recoñece o australiano.

Tras a xornada de adestramento oficial, este martes arranca o programa de competición da ABANCA 52 SUPER SERIES • Baiona Sailing Week, deseñado para un máximo de dez mangas tipo barlovento-sotavento ata o sábado.

A previsión a medio prazo indica que se poderá navegar todos os días, como explica Mariño: “Os dous primeiros días da semana serán noroestes, similares aos de hoxe pero sen a choiva de primeira hora. Despois vén bastante calor, polo que o vento baixará e estará máis cambiante. Pero a bocana da ría de Vigo sempre ten boas condicións para navegar. Creo que vai ser unha boa semana de regatas”.

Mañá martes, a primeira saída do día está prevista a partir das 12:30. Pola tarde, o Monte Real Club de Yates volverá abrir o village instalado para as tripulacións das SUPER SERIES, no que non faltarán produtos da gastronomía típica de Galicia, música e proxección dos mellores momentos da xornada nunha pantalla xigante. Nos xardíns do club baionés, onde esta mañá houbo almorzos e programación de radio en directo, ofreceranse degustacións de Terras Gauda, Martin Miller’s Gin e Estrella Galicia.

Todos aqueles que desexen seguir o desenvolvemento da ABANCA 52 SUPER SERIES – BAIONA SAILING WEEK poderán facelo vía internet, a través da web das 52 SUPER SERIES (www.52superseries.com), grazas a un sistema de realidade virtual.

A partir do venres 27 haberá tamén un village instalado na zona da Palma, en Baiona, para que todo aquel que o desexe poida ver o desenlace da competición a través dunha gran pantalla que reproducirá as últimas probas en realidade virtual.

Ademais, un catamarán da Navieira Nabia seguirá a proba desde o mar os días 26, 27 e 28 de maio. O barco sairá desde a estación marítima de Baiona e achegarase ata a zona de regatas. Estará na auga aproximadamente unhas 4 horas e os pasaxeiros poderán seguir as probas con comentarios en directo das mesmas. O prezo das pasaxes é de 15 euros para adultos e 10 euros para nenos.