Baiona participa no I Foro de Turismo Mariñeiro de Canarias

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, participou no I Foro de Turismo Mariñeiro de Canarias celebrado en Las Palmas de Gran Canaria, onde falou sobre as diferentes iniciativas levadas a cabo na Vila, ademais das que están por desenvolverse. O rexedor, que tamén é o concelleiro de Turismo, expuxo a adhesión de Baiona, a través da Asociación de Villas Marineras, ao plan nacional de turismo mariñeiro. Unha proposta que opta ás axudas dos fondos europeos Next Generation, que se destinarán ao programa de experiencias turísticas.

O obxectivo é impulsar un turismo “azul” baseado nos oficios do mar, barrios mariñeiros, faros e lonxas. Visitas, paseos en barco, actividades artesanais, roteiros guiados polo porto pesqueiro, coñecer os labores dos mariñeiros antes de saír a faenar ou obradoiros de aspectos referentes ao mar son algunhas das actividades que se recollen na proposta. Trátase, segundo o Alcalde, dunha aposta por un “turismo diferencial”. “Un proxecto no que se implicará ao sector turístico e ao do mar, así como aos residentes das vilas. Preténdese impulsar a desestacionalización e que o turismo mariñeiro sexa outra motivación máis para visitar estas localidades en calquera momento do ano”.

A dixitalización será outro dos aspectos que se pretenden impulsar desde o proxecto da Asociación de Villas Marineras, que dará especial relevancia á cultura mariñeira e recollerá os relatos latentes en todos estes lugares. Así mesmo, Gómez Prado, tamén deu a coñecer no foro o Proxecto “Explorraterra”, outra gran iniciativa á que se adheriu o Concello de Baiona o pasado mes de febreiro, que busca preservar, poñer en valor e promover a herdanza común que conservan varias rexións de España e Portugal, ligada ás exploracións marítimas. O proxecto tamén abarca outras áreas encamiñadas todas elas a mellorar a experiencia de coñecer o gran patrimonio histórico e cultural que ofrece a vila. Camiñarán parellas accións conxuntas entre a Concellería de Cultura e Turismo.

“Nese reto de posicionarse por diante doutros destinos desde a premisa da calidade e a dixitalización, e tamén desde a accesibilidade, aproveitarase o financiamento do Proxecto Exploraterra para apostar pola creación de audioguías pola Ruta Pinzoniana, pola actualización da museografía da Réplica da Carabela Pinta ou a mellora do acceso a este museo flotante. Tamén encargamos un estudo para coñecer a viabilidade de que a Carabela Pinta salga a navegar pola nosa Baía”, finaliza Gómez Prado.

Para o alcalde, Baiona “ten agora o reto da transformación na que está inmerso o sector turístico cara á dixitalización, que se presenta non só como unha necesidade, senón como unha oportunidade para que todos podamos gañar competitividade nun mercado que empeza a dar síntomas de recuperación tras a Covid-19. Baiona aproveitará para subirse a este barco. O futuro da oferta turística e cultural pasa pola tecnoloxía, a intelixencia artificial e polo uso de datos”.

Doutra banda, tamén puxo de relevo o proxecto turístico internacional de pobos colombinos para dar contido real ao irmandamento destes municipios, relacionados pola travesía do descubrimento de América. O rexedor baionés terminou a súa intervención apoiando a importancia de foros como o celebrado en Las Palmas de Gran Canaria, e instou a seguir compartindo experiencias e proxectos en materia de Turismo Mariñeiro.