
A Concellería de Cultura do Concello de Baiona organizou para esta fin de semana unha serie de concertos para poñer ritmo á “Baiona Sailing Week”. A Praza do Concello acollerá este venres, 27 de maio, ás 21:00 horas, o concerto de “Blue Monk”. O sábado, día 28, á mesma hora, 21:00 horas, “Vilar People”, e o domingo 28, en sesión vermú ás 13:00 horas, o concerto de “Los del Barro”.
Baiona atópase nunha das súas semanas máis náuticas con motivo da ABANCA 52 SUPER SERIES • BAIONA SAILING WEEK, que se celebra na Vila desde o pasado sábado. Toda unha semana na que tres equipos norteamericanos, dous ingleses, un alemán, un turco, outro surafricano e un noveno tailandés competirán na primeira cita da tempada do circuíto de monocascos máis importante do mundo.
O evento deportivo, patrocinado por ABANCA e Turismo de Galicia a través do Xacobeo, e apoiado pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Baiona, deixará un impacto económico na comarca do Val Miñor valorado en 2 millóns de euros. Aloxamentos, restauración, empresas de instalacións, transportes, loxística, náutica ou deseño son algúns dos sectores beneficiados pola chegada das 52 SUPER SERIES a Galicia.