A nigranesa Marine Instruments lanza unha incubadora de talento novo

É o lugar onde xurdirá a maxia, o sementeiro de ideas que creou Marine Instruments e chámase Incubation Lab, é dicir, que será ademais incubadora de talento novo da compañía con sede en Nigrán.

Incubation Lab. estará dirixido por Jaime Prado, enxeñeiro con ampla experiencia en dirección de proxectos en Marine Instruments e profesor de master na Universidade de Vigo. Este proxecto que nace con vocación de referencia en Galicia e con grandes obxectivos no horizonte, por unha banda, ser sementeiro de ideas, conceptos e proxectos novos en Marine Instruments, impulsando os primeiros desenvolvementos e validando a súa posible viabilidade técnica ou económica. O lema da Marine Instruments é “atrevémonos a crear solucións que non existen no mercado” aplicado aos océanos, algo que levan case vinte anos facendo, e agora moitas desas ideas serán absorbidas neste laboratorio de ideas.

Por outra banda, terá o obxectivo de captar talento novo, estudantes que estean a terminar a carreira ou o Master (Teleco, Informática, Enxeñería Aeronática, Física, Matemáticas, etc) sendo Incubation Lab o espazo de transición cara a Marine Instruments, realizando prácticas curriculares ou posibilitando a integración da súa TFG ou TFM en no seu departamento de I+D.

A pesar de que estes estudantes empecen desde abaixo, o obxectivo de Marine é que se formen na compañía, que se desenvolvan profesionalmente e que, nun futuro, pasen a formar parte do persoal. Por iso queren seleccionar o perfil baseándose non só nas súas habilidades técnicas ou no seu potencial académico, senón tamén na súa capacidade de adaptación ao traballo en equipo ou tamén a valores asociados á organización.

Marine Instruments é unha compañía centrada na innovación cun excelente posicionamento en distintos sectores e presenza en máis de 30 países. Nos últimos anos e grazas a unha forte estratexia de diversificación, está a iniciar a súa andaina noutros mercados verticais, como o da acuicultura ou a Seguridade e Defensa. En 2020 recibiu o Premio Galicia á Innovación e en 2021 Premio FEI Empresa Innovadora entregado pola Secretaria Xeral de Innovación Teresa Riesgo.