O Concello de Nigrán lamenta o falecemento do célebre escritor galego Domingo Villar

O Concello de Nigrán lamenta o falecemento do célebre escritor galego Domingo Villar e traslada o seu cariño á familia, achegados e á súa comunidade de lectores. “Grazas, Domingo, por elixir ao noso municipio como escenario imprescindible das túas novelas. D.E.P.”, sinalan desde o consistorio.

Domingo Villar, como autor de obras da relevancia de “Ollos de Auga”, “A praia dos afogados” ou “O Último Barco”, forma xa parte dun selecto elenco de imaxinadores/as de novela negra imprescindibles en toda biblioteca. O seu célebre inspector Caldas ocupa tamén un lugar propio ao lado doutros/as detectives da literatura universal.

A Deputación tamén súmase ao pesar xeral polo pasamento dun escritor que nunca perdeu o contacto coa terra e impregnado do sentimento da paisaxe de Galicia. Villar, que finou xusto despois do Día das Letras Galegas, foi tamén un creador fundamental para entendelo auxe da literatura galega contemporánea.

A Deputación valora o seu respecto absoluto polos lectores e lectoras, a defensa da lingua e a proxección de Vigo, da provincia e de Galicia que emana de toda a súa obra. Ao mesmo tempo recoñece o seu traballo creativo a conciencia, inconformista ata a obsesión para que cada libro estivese á altura dende a primeira á última páxina.

Nun panorama editorial con tendencia ao bestseller, o creador do inspector Leo Caldas encaixaba máis nun mundo propio e íntimo, no que a literatura brota aos poucos, como saíndo da man experta dun artesán da escrita namorado de Vigo, da súa ría e da súa xente.