
O Concello de Nigrán ofrece o domingo 22 de Maio o seu I Roteiro Canino por Monteferro coa organización a cargo do Rey Midas. Este partirá ás 12:00 horas do Monumento á Mariña Universal para percorrer 3,2 quilómetros polos sendeiros desta península. Os interesados en participar deben inscribirse previamente a través dun formulario web en http://www.nigran.es ou ben no propio lugar de 11:00 a 11:45 horas. Ao finalizar esta andaina circular, sobre as 13:15 horas, organizaranse actividades que constarán de diferentes premios.
“Trátase de socializar, facer exercicio físico nunha contorna natural espectacular e sensibilizar no coidado e respecto dos animais”, explica o alcalde, Juan González. Nas actividades posteriores a organización habilitará tres categorías de cans en función do seu tamaño e propoñerá diferentes concursos do tipo “Cans potencialmente cariñosos”, “Parecidos razoables” (can-humano), “O meu can é un artista” (cans con habilidades), “Sei pasear xunto ao meu dono/a”.