O Vigo-Rías Baixas serve o percorrido máis duro do calendario para resolver a Copa de España

“Un percorrido ao nivel das mellores etapas da Volta ou do Tour”, así presentou José Luis Chamorro a segunda edición da Vigo Copa de España. A carreira organizada polo Vigo-Rías Baixas ofrece 180 quilómetros, seis portos de montaña, 4.100 metros de desnivel acumulado e un final no alto para elixir este domingo ao gañador absoluto do certame estatal Elite e Sub23. A proba máis dura e espectacular do calendario terá como escenario o sur da provincia de Pontevedra.

Todos os detalles da décima e última xornada da Copa de España 2022 desveláronse nun acto celebrado este mércores no salón de actos do Círculo de Empresarios de Galicia. José Luis Chamorro, presidente do Vigo-Rías Baixas, e Gerardo Chamorro, xerente da entidade flúor, estiveron acompañados por José Ramón Lete Lasa, Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia; Gorka Gómez, deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra; Manel Fernández, concelleiro de Deportes de Vigo; Monseñor Luís Quinteiro, bispo da diocese de Tui-Vigo; Roberto Prado, tenente adxunto do Subsector de Tráfico da Garda Civil en Pontevedra; e Juan José Díaz, comisario xefe da Policía Nacional en Vigo.

O presidente do club organizador lembrou o reto que supuxo a estrea deste evento hai agora un ano, unha experiencia da que “sentímonos profundamente orgullosos” por garantir a seguridade sanitaria da caravana ciclista cando os protocolos eran moito máis estritos. Agora, nun contexto de maior normalidade, coa intención de atraer ao público e de que os afeccionados acudan a animar aos ciclistas, o Vigo-Rías Baixas deseñou unha carreira que é unha homenaxe “a todos eses portos emblemáticos” da cidade olívica e os seus arredores.

Alta montaña

Ás 9:45 horas os corredores poñeranse en marcha na Praza do Rei de Vigo e no traxecto por trece concellos da provincia de Pontevedra ascenderán seis subidas puntuables para a clasificación da Montaña: A Groba (km 29), de 1ª categoría; Monte Alba (km 75), de 2ª; Galiñeiro (km 82), de 2ª; Monte Aloia (km 109), de 1ª; Fonte dos 100 Anos (km 160), de 2ª; e A Madroa, de 2ª, ascensión en cuxa cima estará situada a liña de meta.

Os outros puntos quentes da xornada serán os Premios Especiais de Gondomar (km 56), Nigrán (km 63), Polígono da Pasaxe (km 78) e Mondariz-Balneario (km 145). O ex ciclista e director deportivo Álvaro Pino, director desta carreira, analizou o percorrido para os representantes dos concellos, empresarios, corredores e técnicos doutros equipos, e amantes deste deporte. Entre os asistentes, destacar a presenza de Delio Fernández, ciclista profesional no equipo Tavira, e de Gustavo César Veloso, director deportivo do conxunto profesional Tavfer- Mortágua.

Participación récord

O pelotón da Vigo-Copa de España estará composto por 28 equipos, cifra récord na actual edición do certame estatal. Despois de nove xornadas, a clasificación xeral está encabezada polo sub23 Francisco Muñoz (Eolo Kometa), que conta con 55 puntos de vantaxe respecto a Andoni López de Abetxuko (Caja Rural-Alea), segundo na táboa absoluta e primeiro elite. Ata seis corredores manteñen opcións matemáticas de facerse co título.

A pasada campaña a cita viguesa exerceu de trampolín ao profesionalismo. Os tres primeiros clasificados deron o salto á máxima categoría. Un deles, o gañador Marc Brustenga (Trek Segafredo), enviou un saúdo mediante un vídeo proxectado na presentación, desexando sorte a todos os participantes nunha proba cuxo tramo final poderase seguir en directo a través de Youtube.