O Acro Club Nigrán participa na competición internacional máis importante do mundo en Maia

O alcalde de Nigrán, Juan González, despediu o martes na Casa do Concello ao Acro Club Nigrán antes de partir cara a Portugal para participar na Maia International Acro Cup, a competición máis importante do mundo de ximnasia acrobática e á que por vez primeira asiste o club nigranés. O rexedor entregoulles unha bandeira do municipio e desexoulles sorte neste evento ao que acoden os mellores equipos de toda Europa e de países como Israel e Brasil. Precisamente, o Acro Club Nigrán vén de consolidar o seu liderado en Galicia ao subir ao podio a pasada fin de semana con practicamente todos os equipos no Campionato Galego Absoluto e na Copa Galicia Escolar.

“É un orgullo que o nome de Nigrán estea presente nesta copa mundial grazas a unha ducia de ximnastas novas, veciñas do municipio, e que son auténticas deportistas de elite”, subliña o rexedor, quen encomia o bo traballo do seu adestrador, Aaron Castro. A aposta do Concello por este deporte é absoluta dado o gran interese que esperta entre a mocidade desde que primeiro se establecera como actividade extraescolar no CEIP Humberto Juanes e no 2016 se consolidase xa como club, colaborando o Concello coa adquisición do tatami de competición de 200 metros cadrados de 14.700 € para poder adestrar no colexio.

A ximnasia acrobática, tamén coñecida como acrosport, é unha modalidade deportiva incluída na Federación Internacional de Deportes Acrobáticos (fundada en 1973) e forma parte da Federación Internacional de Ximnasia desde 1999. É unha disciplina na que existen distintas modalidades. O exercicio debe conter elementos acrobáticos e ximnásticos de flexibilidade, equilibrio, saltos e xiros, así como movementos en cooperación entre os compoñentes do grupo realizando figuras e pirámides corporais. En todo momento debe existir harmonía e coordinación nas accións realizadas polo grupo. Valórase a dificultade, a técnica e a dimensión artística.