
A Garda Civil detivo en Nigrán a un home de 85 anos como presunto autor dun delito de homicidio en grao de tentativa. Está acusado de atacar cun coitelo a un dos seus veciños nunha urbanización situada na Ramallosa.
O suceso tivo lugar este mércores pola noite. Ao parecer, o agresor recriminou ao seu veciño que estivese a utilizar a auga comunitaria para lavar unha caravana, e tras unha discusión, foi a por un coitelo e atacouno con el.
A vítima, de 67 anos, sufriu feridas no abdome, nun brazo e nun dedo. Foi trasladado primeiro ao Punto de Atención Continuada da Xunqueira e logo ao Hospital Álvaro Cunqueiro.
O presunto agresor foi detido e trasladado ao Cuartel da Garda Civil de Baiona, onde permanece á espera de ser posto a disposición xudicial. Axentes do Instituto Armado acudiron este xoves ao lugar dos feitos para completar unha inspección ocular.