A Plataforma da Sanidade do Val Miñor chama a participar na manifestación pola recuperación da Atención Primaria

As Plataformas en Defensa da Sanidade Pública da área sanitaria de Vigo convocan conxuntamente a manifestación en defensa da atención primaria que percorrerá as rúas de Vigo hoxe, xoves 12 de maio, e fan chamamento á participación masiva na mobilización que arrancará ás 20:00 horas desde o PAC da rúa Pizarro (antigo Hospital Xeral), baixo o lema “Salvemos a atención primaria. Recuperemos a sanidade pública”.

As Plataformas, xunto coas organizacións sindicais, sociais e políticas que delas fan parte, insisten na necesidade de defender na rúa a sanidade pública. Neste senso, lembran que con esta mobilización queren instar a Consellaría de Sanidade a implantar de forma inmediata unha atención primaria digna, con profesionais suficientes para atender con tempo aos pacientes, así como unha atención hospitalaria con capacidade para atender ao 100% da cidadanía sen “insoportables” listas de agarda.

Outras das demandas pasan pola adopción das medidas estruturais precisas para ter unha contratación digna que permita ofrecer unha atención sanitaria de calidade, pola contratación de máis persoal e por acabar coa precariedade laboral aplicando un Plan de Mellora da Atención Primaria que redimensione os equipos multidisciplinares para dar cobertura ás necesidades de saúde da poboación.

Mais tamén reclaman desenvolver os instrumentos de participación veciñal na sanidade, tan necesarios, para que a veciñanza exprese as súas necesidades e permita actuar con eficiencia sobre os determinantes da saúde.