Sin categoría

Baiona acomete obras de arranxo no pavimento de pedra do casco vello

O departamento de Vías e Obras do Concello de Baiona está a acometer obras de arranxo no pavimento de pedra do casco vello. O concelleiro responsable da área, Óscar Martínez, indica que “é un labor que facemos durante todo o ano, pero que intensificamos nestes días aproveitando ao persoal contratado a través do Plan Concellos da Deputación”.

Os operarios reparan os danos, como pedras levantadas e outras afundidas. Prevense diferentes tipos de actuacións nos viais do interior do centro histórico da Vila segundo a problemática que presentan. As zonas do casco antigo onde se actúa son aquelas que se atopan deterioradas, desgastadas ou envellecidas polo paso do tempo. As zonas e criterios de actuación fíxanas os servizos técnicos da Brigada Municipal, que se encarga dos traballos.

“Desta forma dáse resposta á demanda real de mantemento destes losados, transcendentais no espazo público do casco histórico baionés. Trátase do pavimento característico e tradicional de todos os centros históricos de Galicia. Unha intervención necesaria que tamén ten como finalidade facilitar a accesibilidade e a mobilidade, e dar resposta ás demandas veciñais”, sinala o rexedor Carlos Gómez Prado.