A CEMMA de Nigrán cumpre 30 anos

O día 9 de maio de 1992 un grupo de persoas, a título individual e representantes de grupos ecoloxistas, asinaron a acta fundacional da CEMMA no Grove, poñendo en marcha unha andaina que abría moitas expectativas na conservación mariña e na educación ambiental. Todo comezou ao redor dun esqueleto de balea azul na Universidade de Santiago en 1990.

A traxectoria destes 30 anos levou a unha asistencia de 7.416 varamentos, dos cales foron detectados 510 exemplares varados con vida, o 50% liberados directamente, a maioría cetáceos, e 182 ingresados, a maioría lobos mariños e tartarugas mariñas, destes exemplares foron rehabilitados e devoltos ao mar máis do 70%.

Durante a campaña de monitorización costeira, entre ‪2003-2011‬ foron realizadas 3.696 repeticións nos 53 puntos da rede, durante 2.275 horas e realizados 794 avistamentos de 7 especies de cetáceos.

As campañas marítimas ofrecen un resultado de máis de 62 mil km percorridos no mar, en máis de 6.500 horas, e foron rexistrados uns 2.200 avistamentos de 15 especies cunha taxa de encontro dun avistamento cada 28,8 km percorridos.

Nas campañas de fotoidentificación de arroaces foron percorridos máis de 16 mil km en máis de 1.500 horas, nos que se fixeron 500 avistamentos, cunha media de 3,3 horas de observación e 38,4 km percorridos por avistamento. Obtivéronse decenas de miles de fotografías das que se identificaron máis de 500 aletas diferentes, algúns dos exemplares seguidos máis de 20 anos.

Neste período foron rexistrados máis de 6.500 avistamentos no mar, moitos deles oportunistas. A pesar de que a maior parte dos cetáceos observados son arroaces e golfiños comúns, tamén foron observados toniñas, arroaces, arroaces botos e caldeiróns, balea común, balea alibranca e candorcas.

Nas diferentes actividades divulgativas e de educación ambiental participaron neste tempo máis de 20 mil persoas.

“O esforzo pagou a pena. Agora podemos dicir que empezamos a saber algo da fauna mariña ameazada en Galicia, mais canto máis sabemos máis interrogantes xorden. Todo isto non sería posible sen a contribución de moitas persoas socios e socias, así como voluntarias e colaboradores”, sinalan desde a Coordinadora.

A CEMMA, con sede no Camiño do Ceán, en Nigrán, poñerá en marcha a partir de agora diferentes actos de conmemoración do 30 aniversario. Neste sentido instalou, como primeiro acto, unha exposición no Centro de Interpretación Ambiental da Siradella no Grove, en lembranza da primeira exposición inaugurada no mesmo centro no 1994. A exposición conta con paneis e material óseo provinte dos varamentos e estará instalada no centro os meses de maio e xuño.