
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Val Miñor recibiu na tarde de onte unha homenaxe por partida dobre tras cumprir as súas vodas de prata ao servizo da comunidade. 25 anos de intervencións que lles serviron para recibir a Placa ao Mérito Categoría Ouro concedida pola Asociación Nacional de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de España, ANAV, nun acto que tivo lugar onte na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, AGASP, na Estrada. O seu presidente, Iago Álvarez, acudiu á cerimonia acompañado de varios colegas da AVPC e do alcalde de Nigrán Juan González e onde tamén se recoñeceu á AVPC Cee polos seu 25 aniversario.
Xa ás 18:00 horas, desprazáronse ata Baiona para participar como coprotagonistas no acto de honras tamén dirixido ao persoal sanitario do Val Miñor. Desde os xardíns da biblioteca municipal, o alcalde Carlos Gómez, dedicou unhas emotivas palabras a ambos os dous colectivos onde encomiou o seu labor desde o estalido da pandemia. “Trátase dun agradecemento sincero a todos os que velastes pola nosa saúde e seguridade”, manifestou Gómez, que culminou o seu discurso cun “grazas polo voso traballo”.