O PP de Baiona cualifica de “aberración” a idea do tripartito de cambiar a madeira das pasarelas do paso de Baredo por 145 toneladas de formigón, tras poder acceder ao expediente do proxecto, e ademais, un “malgasto” debido a que o sendeiro atópase en bo estado de conservación e non necesita que o goberno local malgaste 217.114 euros nunha actuación innecesaria e agresiva como a que expón. “Todo un atentado ambiental que o veciños e veciñas de Baiona non entenden”, apuntan.
Os populares consideran que calquera investimento dun gobernante público busca mellorar o que xa existe e non empeoralo, “todo o contrario ao que leva facendo desde fai tres anos este equipo de goberno que lidera o socialista Carlos Gómez e un sinal máis da falta de iniciativa e da pouca sensibilidade co medio ambiente e co diñeiro de todos os veciños”. “Aínda que o malgasto e o caos son unha constante na política do PSdeG, BNG e Nós, neste proxecto sen sentido para Baredo exceden os límites. É moi grave que pretendan gastar máis de 200.000 euros de todos os baioneses en estragar o río e a súa contorna”, censuran desde o grupo municipal do PP.
Para o PP o máis lóxico sería gastar ese diñeiro en proxectar e executar a terceira fase que permitiría unir a parte alta coa baixa da parroquia para lograr a conexión total dos seus veciños. Lembran os concelleiros e concelleiras do principal partido da oposición que a construción da primeira fase que levou a cabo o anterior goberno popular e que incluíu a recuperación dos tres muíños, custou 120.000 euros, “case a metade do que o tripartito prevé malgastar agora nesta agresión ambiental”.

