Sin categoría

Baiona homenaxea aos sanitarios e a Protección Civil polo seu traballo durante a pandemia

Os xardíns da Biblioteca Pública Municipal de Baiona acollerán este sábado, 7 de maio, ás 18:00 horas, unha “Homenaxe aos Sanitarios do Val Miñor”. O grupo de fusión de arte do Val Miñor “Solaina” presentou ao rexedor baionés un proxecto que xurdiu durante a pandemia que tivo como resultado o poemario “PoemarCovida”, imaxes de palabra e vida. Ao coñecer o traballo das artistas o Alcalde de Baiona ideou que este bonito traballo podía formar parte dunha homenaxe aos sanitarios da comarca.

Este grupo composto pola escritora Soledad García, a pintora Laine Villero e a ilustradora Natalia Guisande, presentarán así o seu novo proxecto “PoemarCovida” co Concello de Baiona, unha mestura de poesía, pintura e deseño, para facer unha homenaxe ao persoal sanitario do Val Miñor e deixar constancia na contorna máis local da situación vivida, pois a cultura non é allea ao que sucede.

Cunha dilatada traxectoria neste último ano, o grupo de fusión Solaina, autor dos libros infanto-xuvenís “Dedas” e “Un paseo por Nigrán (Costa)”, inundará de poesía, pintura e deseño os xardíns da Biblioteca Municipal de Baiona co seu novo traballo, “PoemarCovida”. A escritora Soledad García realizará un recital poético para os asistentes, amenizado polo guitarrista Pablo Prego do centro de música Gain Over.

O recital será o fío condutor que formará parte do acto de homenaxe organizado polo Concello de Baiona. Á iniciativa sumaranse tamén os Concellos de Nigrán e de Gondomar. Así mesmo, o acto tamén será unha homenaxe a todos os voluntarios e voluntarias de Protección Civil do Val Miñor en recoñecemento ao seu gran traballo durante a pandemia.

“Trátase dun evento no que imos levar a cabo un acto de recoñecemento, gratitude e memoria cara a todas esas persoas que foron absolutamente esenciais durante a pandemia. Todos eles cumpriron unha función elemental nos tempos complicados que nos tocaron vivir”, indicou o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado.