Baiona abre o prazo para participar na “Escola de Verán 2022”

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona abre o prazo para solicitar praza para participar na Escola de Verán 2022. A actividade está dirixida a nenos e nenas nados entre o ano 2010 e 2018. Ademais deberá acreditarse unha das seguintes circunstancias: unha das persoas proxenitoras (nai/titora ou pai/titor) debe estar empadroada no municipio con data anterior a esta convocatoria (non é necesario acreditalo, o Concello de Baiona verificará que a nai ou pai das persoas menores para as que se solicita praza están empadroadas no municipio); que o neno ou nena para o que se solicite praza estea escolarizado/a no curso escolar 2021-2022 nun centro educativo de Baiona ou que o pai, nai, titor, titora do/da menor para a que se solicita praza, traballe ou posúa un negocio en Baiona. En caso de familias monoparentais deberá traballar o pai, nai titor/a que estea a cargo do/a menor.

O programa desenvolverase ao longo do mes de xullo, de luns a venres de 8:00 a 15:00 horas no CPI Cova Terreña e no CEP de Sabarís, salvo festivos. Haberá flexibilidade no horario de entrada (de 8:00 a 9:15 horas) e no horario de saída (de 13:45 a 15:00 horas) sempre que se sinale na solicitude. A Escola de Verán 2022 do Concello de Baiona é un programa que ten como obxectivo xeral “facilitar ás familias do municipio un recurso para conciliar a vida laboral, persoal e familiar, establecendo un servizo sociocomunitario que mellore a calidade de vida do territorio, potenciando ademais a optimización de recursos a través da utilización dos centros educativos municipais fóra do horario lectivo”.

As persoas interesadas en participar na convocatoria deberán presentar a solicitude de inscrición (Anexo I) debidamente cumprimentada e asinada, xunto coa documentación requirida de acordo co artigo 12, no rexistro de entrada do Concello de Baiona de luns a venres en horario de mañá, ou a través da sede electrónica do Concello de Baiona. O prazo para presentar a solicitude é dende o xoves 5 de maio ata o venres 20 de maio ambos os dous incluídos. No caso de solicitudes presentadas pola Sede Electrónica, estas poderán presentarse en calquera hora ou día durante a vixencia do prazo de solicitudes ata o venres 20 de maio ás 14:00 horas.

O Programa é cofinanciado polas familias participantes, polo Concello de Baiona e pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2022 (Liña 2).