O Servizo de Pneumoloxía da Área Sanitaria de Vigo conmemora o Día Mundial da Asma

O Servizo de Pneumoloxía da Área Sanitaria de Vigo conmemorou hoxe o Día Mundial da Asma que este ano leva o lema “ Pecha a porta ao mal control do teu asma”. Neste senso, os profesionais do servizo instalaron unha mesa informativa no hospital Álvaro Cunqueiro para informar aos usuarios da importancia dun correcto control desta enfermidade e ofrecer recomendacións de estilo de vida saudable para conseguir ese bo control. O 36% dos pacientes con asma teñen un “mal control” da súa enfermidade e un 34,1% adicional presentan “asma parcialmente controlada”.

A asma é unha enfermidade crónica que foi incrementando a súa incidencia nas últimas décadas. Se calcula que a padece entre o 4 e 5,5% da poboación adulta e o 7% dos nenos e adolescentes nos países de noso entorno. Trátase dunha patoloxía que non se cura, pero xeralmente se pode controlar adecuadamente. Na maioría dos pacientes ten unha presentación de clínica leve ou moderada, pero nunha minoría presentan unha evolución máis complexa con afectación grave de control difícil. Do total de asmáticos, entre o 5-8% padece asma grave.

A Unidade de Asma do servizo de Pneumoloxía, acreditada como Unidade especializada de Asma grave, céntrase no estudo e seguimento dos pacientes con asma grave que ben seguen sufrindo ataques de asma, que necesitan tomar corticoides orais de forma moi frecuente, ou ben que a asma os limita para desenvolver as súas tarefas cotiás.

Un cento de pacientes con terapias biolóxicas

Do total de pacientes atendidos, un cento deles están tratándose coas novas terapias biolóxicas; isto é, anticorpos monoclonais xerados por biotecnoloxía e dirixidos a determinados mediadores e células causantes da inflamación asmática. Segundo a coordinadora desta Unidade de Pneumoloxía, a doutora Mar Mosteiro “estas novas terapias están indicadas naqueles pacientes nos que os tratamentos convencionais con inhaladores teñen fracasado. Trátase de tratamentos de gran impacto económico, pero cunha correcta indicación clínica son moi eficaces e os pacientes experimentan unha espectacular melloría da enfermidade e da súa calidade de vida”.