Baiona, Vigo e Combarro repártense os premios do Trofeo Repsol

Baiona, Vigo e Combarro repartíronse os premios da última edición do Trofeo Repsol celebrada estes días nas Rías Baixas, unha competición na que a meteoroloxía tivo un gran protagonismo e marcou os tres días de regatas.

Tras unha primeira xornada na que o escaso vento só permitiu a celebración dunha das tres probas previstas na baía de Baiona e unha segunda etapa na que a néboa obrigou a acurtar o percorrido costeiro entre Baiona e Combarro e dificultou a navegación da frota; este domingo, no terceiro e último día de competición, a falta de vento deixou en branco os marcadores. A última proba do programa, un trazado costeiro entre Combarro e Baiona, foi anulada e a clasificación final quedou definida con dúas probas para a clase J80 e unha única proba para o resto de clases.

En ORC 1-2-3, o vencedor foi o Magical de Julio Rodríguez. A súa vitoria hai apenas unhas semanas no Trofeo Comunica e este novo triunfo no Trofeo Repsol deixan claro que a tripulación do Real Club Náutico de Vigo será un dos equipos a ter en conta na tempada regateira galega. O Sailway de Rodrigo Ojea (CM Canido); e o Aceites Abril, de Jorge Pérez Canal (RCN Vigo), quedaron segundo e terceiro respectivamente.

En ORC 4, o Sagar V de Rolando Andrade, do Ro Yacht Club de Combarro, levou os loureiros dunha clase na que o Deep Blue 2.1 de Vicente Cid (RCN Vigo) e o Maracaná de Carlos García (RCM Aguete), fixéronse coa prata e o bronce.

En ORC 5, dous barcos do Monte Real acabaron en primeira e segunda posición: o Secolite de Javier Rey e o Bouvento de Óscar José Comesaña. O Marcolfo de Antonio Francisco Gómez, do Náutico de Vigo, ocupou o terceiro caixón do podio.

En ORC A2, o bo man a man que protagonizaron o portugués Rui Ramada e o galego Óscar Peixoto a bordo do Yess do MRCYB, permitiulles facerse co triunfo e impoñerse ao Vagalume de Luis Vidal e Eva Fernández, que quedou segundo.

En J80, o Alboroto de Javier Aguado coroouse como merecido vencedor da clase, tras asinar dous primeiros postos nas dúas probas disputadas. Deixou a prata e o bronce ao Okofen de Javier de la Gándara e o Cansino de Alejandra Suárez.

Na categoría Fígaro, o Bouvento de Óscar José Comesaña, o Silleiro de Ángela Rodríguez e o Erizana de Marta Quintáns acabaron primeiro, segundo e terceiro.

Premios especiais á mellor tripulación feminina e ao mellor J80

Ademais dos trofeos das diferentes categorías, no Trofeo Repsol deste ano puxéronse en xogo dous premios especiais. Un, á mellor tripulación feminina da competición, recaeu na tripulación do Silleiro de Ángela Rodríguez.

O outro premio especial, ao mellor J80, que levou o Alboroto de Javier Aguado, consistiu nun patrocinio de 7.000 euros para que a tripulación poida acudir ao europeo da clase que se celebra este verán en Francia. Con esta iniciativa, o Monte Real Club de Yates pretende seguir incentivando á frota de J80 para os campionatos de España e do mundo que o club organizará este ano e o que vén.

Punto e final ao Trofeo Repsol e foco xa nas SUPER SERIES

Así as cousas, a Regata de Primavera do Monte Real Club de Yates despediu a súa cuadraxésimo cuarta edición reafirmándose como unha das competicións máis interesantes do panorama náutico galego, tanto polo número de participantes como polos cambios que se van introducindo ano tras ano, o que permite dar frescura a unha das regatas con máis soleira de España.

Tras culminar a cita náutica coa entrega de premios aos vencedores, na que participaron o xerente e a xefa de Mariña e Pesca de Repsol, Carlos Sánchez Nieto e Inés González Megido; o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; e o presidente e vicepresidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez e Alejandro Retolaza; o Monte Real pon xa en foco na súa gran cita do 2022: a ABANCA 52 SUPER SERIES • Baiona Sailing Week.

O circuíto de monocascos máis prestixioso do mundo recalará na vila mariñeira galega entre o 23 e o 28 deste mes e desde o club baionés xa teñen todo listo para o que será, sen dúbida, o evento náutico do ano en Galicia, patrocinado por ABANCA e o Xacobeo 21-22.