Baiona inaugura a exposición “Camiños do Sur”

Que o público coñeza “este paraíso polo que pasa o Camiño”, e tamén “as nosas historias, patrimonio, gastronomía e cultura”. É o obxectivo da exposición “Camiños do Sur”, coa que se quere facer ver que “os mellores camiños que existen son os que atravesan a provincia de Pontevedra”. A exposición pode visitarse na Alameda Carabela Pinta durante as próximas catro semanas. Acompañaron na apertura ao Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, e a concelleira de Cultura, Miriam Costas

“Camiños do Sur”, que durante a noite iluminará a alameda mediante un cubo retroiluminado coa imaxe da mostra, inclúe un mapa de gran formato cos percorridos dos Camiños de Santiago que proceden de Portugal e atravesan a provincia. Tamén brinda información sobre paisaxes, vilas, persoas e culturas que lindan con estes roteiros históricos entre as que se atopa a Vila.

A exposición itinerante “Camiños do Sur”, que impulsa a Deputación no marco do proxecto europeo “Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular”, chegou este martes a Baiona tras o seu paso por Pontevedra.