Feira do Libro en Nigrán 100 por 100 miñorana

O Concello de Nigrán celebrou un Día do Libro moi especial coas mellores escritoras e escritores do Val Miñor. A nova biblioteca foi o escenario de acollida dos recitais de poesía “Dende a ventá” e “Notas de extinción” da man do escritor e director editorial Fran Alonso e a poeta Marta Dacosta.

Luisa Martínez Lorenzo, escritora de “Puf, vaia peido…”, e responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, impartiu o obradoiro “Contos de ciencia para ir á cama”. O escritor enxeñeiro Fran Fernández Davila presentou a súa última novela “O Bosque do Duque ‘s Hertogenbosch”. Noelia Muíños e Ramón Quintas de Papelier mostraron o seu libro “Camiño Portugués da Costa”. O escritor do “Amor das Pedras” e director de Teatro do Ar, Pedro Rodríguez, realizou un obradoiro de creación de personaxes dramáticos. A escritora Soledad García estivo asinando o seu último traballo “Un Paseo por Nigrán (Costa)”.

Dende o grupo de fusión de arte Solaina, encargado da organización do evento co Concello de Nigrán, queren agradecer a participación de todos os asistentes e nenas e nenos á feira e, en especial, ás escritoras e escritores que encheron a nova biblioteca de Nigrán de libros de altísima calidade artística e literaria.