Un corredor sub23 cunha ampla experiencia internacional incorpórase ao Vigo-Rías Baixas. O estoniano Gleb Karpenko aceptou a proposta da estrutura presidida por José Luis Chamorro e debutará co seu novo equipo este sábado na Clásica de Pascuilla, unha das dúas citas que o conxunto flúor ten durante a fin de semana. A outra chegará o domingo en Valladolid.
Karpenko, de 20 anos, é fundamentalmente un especialista contra o reloxo. Dobre campión do seu país nesta modalidade, asinou en 2019 o quinto posto no Europeo xuvenil. Este venres aterrou no aeroporto de Peinador preparado para iniciar nova etapa na súa carreira.
A súa estrea co Vigo-Rías Baixas será nunha carreira rompepernas, a Clásica de Pascuilla de Padrón, con seis portos de montaña en 125 quilómetros. O estoniano poñerase por primeira vez ás ordes de Tomás Martínez na apertura da Copa Galicia e compartirá aliñación con Martín Barrero, Ramón Fernández, Ángel Maneiro, Andrés Taboada, Yurgen Ramírez e Álvaro Carasa.
Copa de España
A estrutura olívica divídese esta fin de semana en dous bloques e baixo a dirección de Modesto Pérez disputará o domingo en Valladolid a sétima xornada da Copa de España. Aínda que non é a proba que mellor se adapta ás súas características, Pablo Ara e Asier González buscarán sumar puntos que os afiancen na parte alta da xeral. Ademais, trátase dunha carreira especial para o valisoletano Vicente Hernaiz. O “sete” flúor complétano Martín Rey, Marcos Navarrete, Joao Leite e Marcos García.
A XI Clásica Valladolid-Memorial Ángel Lozano ofrece a mellor oportunidade de toda a Copa para os sprinters. Con todo, os ciclistas terán que superar nove cotas de montaña nun trazado de 161km, onde un factor para ter moi en conta será o vento.

