O Campionato de Galicia de Enduro reúne este domingo a 300 riders na Serra do Galiñeiro

Cinco anos despois a Serra do Galiñeiro volve acoller o Campionato de Galicia de Enduro. Dende o 2017 a montaña gondomareña e esta especialidade do BTT seguiron camiños moi diferentes. A tráxica vaga de incendios do outono daquel ano devastou a paisaxe na parroquia de Vincios e obrigou a rexenerar os seus montes, mentres que o Enduro autonómico seguiu cun crecemento que só se detivo temporalmente por mor da pandemia. Este domingo, nun escenario renovado, 300 riders honrarán ao Galiñeiro ofrecendo espectáculo na proba organizada polo + Enduro MTB.

O evento apoiado polo Concello de Gondomar e a Federación Ciclismo Galego rolda o récord de participación nunha proba desta modalidade en Galicia. A saída e a meta estarán situadas ao carón da Asociación de Veciños de Vincios e o percorrido presenta cinco treitos cronometados nos terreos da Comunidade de Montes de Vincios. A xornada do sábado dedicarase aos adestramentos e o primeiro competidor porase en marcha o domingo ás 8:30 horas.

As cadetes femininas abrirán unha competición na que se porán en xogo un total de nove coroas autonómicas e na que tamén haberá unha categoría de parellas e outra de e-bikes. O sub23 Nicolás Carrera (Justbikes-Transition), gañador absoluto nas tres últimas edicións do Campionato, preséntase como o rival a bater. O ano pasado fixéronse co resto dos títulos Lucía Piñeira (Pontebike) e Danny Buba (Coruxo) en cadetes, Anxo Carril (Coruxo) nos júniors, Isabel Castro (Condado Bike) e Mauro González (Salvaterra) en elites, Estefanía Cabarcos (Rocasport-Giant) e Santos Lemos (Grupetta Pan de Zarko) en máster-30, José Manuel López Vaqueiro (VK Bikes) nos máster-40 e Adolfo Gallego (Singletrack) nos máster-50.

O nivel da quinta edición do Enduro Serra do Galiñeiro pouco terá que envexar ao do Campionato de España. A “armada galega” ratificou o seu dominio no plano estatal o pasado domingo en Ciudad Real, na apertura da Copa de España, adxudicándose a vitoria en seis das doce categorías.