
Con motivo da celebración do Día do Libro o próximo sábado, 23 de abril, a asociación Espazo Lectura, coa colaboración do Concello de Gondomar, presenta unha serie de actividades que terán como acto central a celebración do XV Dar de ler coma quen dá de beber, unha sesión de lecturas compartidas en voz alta na que unhas 30 persoas lerán fragmentos de obras que queren compartir cos demais e recomendar. Con esta iniciativa pretenden celebrar o Día do Libro lendo. Aínda que a primeira situación que estaba prevista era nos xardíns da Casa Peralba, as condicións meteorolóxicas leva a que o acto se celebre no edificio do antigo Matadoiro de Gondomar porque queren reivindicar a necesidade de levar a lectura a todos os espazos da vida pública.
As actividades da Semana do Libro e a Lectura continuarán o luns, 25 de abril, ás 18:00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar, onde haberá unha nova sesión especial do Contomar, contacontos para nenos e nenas de 3 a 9 anos. O espectáculo será “Flipa cos contos” de Fran Campos.
Martes, 26 de abril, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal, terán unha sesión compartida entre o club Lecturas debuxadas e o Daquelas que len. Contarán coa presenza da autora Amelia Tiganus e os libros que comentaranse son: “Amelia. Historia de una lucha” (Serendipia) e “La revuelta de las putas. De víctima a activista” (Sinequanon).
O mércores, 27 de abril, ás 18:00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar terán outra sesión especial infantil (nenas e nenos de 1 a 6 anos) co espectáculo “DEDAS”, do grupo Solaina.
A sesión para os bebés (de 0 a 3 anos) terá lugar o xoves, 28 de abril ás 18:00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar, co espectáculo “Nano canta croac”, de Raquel Queizás. Esta actividade require inscrición previa.
As actividades da Semana do Libro e a lectura pecharanse o sábado, 30 de abril, con dúas actividades na Biblioteca Municipal de Gondomar. Ás 12:00 horas, cunha nova sesión do club de lectura compartida Lendo Contigo, para nais e pais e para nenos e nenas de 8 a 11 anos. Nesta ocasión, o libro proposto será “Lobísimo do saco. Tres titiritadas”, de Bernardino Graña (Galaxia), e na sesión contarán con Voltereta e Volvoreta que farán Petiscos teatrais das tres titiritadas de Bernardino Graña. E ás 20:00 horas cun Roteiro histórico-literario por Gondomar protagonizado polo Comando Le.