Nigrán protexe a zona dunar de Lourido na que se está a crear unha “microrreserva piloto”

O Concello de Nigrán vén de pechar perimetralmente a zona dunar de Praia América en Lourido (uns 2.000 metros cadrados de superficie) co fin de protexela ao máximo e contribuír á creación dunha “micro-reserva” piloto. Para elo investiu 5.000 € a través da empresa de inserción social Cormo Integral, que empregou a este efecto o mesmo sistema que existe desde hai décadas na área de Panxón: postes de madeira con tendido de arame lonxitudinal. A iniciativa forma parte dun novidoso proxecto concedido pola Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades consistente en crear aquí “microrreservas piloto” co obxectivo de renaturalizalas ao tempo que se crea conciencia social ao respecto.

“O fin é manter a área libre de alteracións permitindo que especies autóctonas desprazadas pola intervención humana colonicen de novo o lugar”, resume o alcalde, Juan González. O obxectivo é acadalo a través dunha campaña de participación pública innovadora, de feito, xa funciona como “aula viva” onde se impartirán obradoiros medio ambientais aos centros educativos (na tempada estival será a toda a cidadanía interesada). Estas “clases” se estenderán ata setembro e correrán a cargo do equipo de traballo da firma con base tecnolóxica Hydrosphere (xurdida como unha spin-off da Universidade de Vigo), a propia Universidade de Vigo (coa participación do Centro de Investigación Mariña e do grupo de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio) e o Consello Superior de Investigacións Científicas a través de dúas unidades de Cultura Científica (CSIC en Galicia e Instituto de Investigacións Mariñas).

“A diferenza da zona de Panxón, estas dunas non estaban sequera delimitadas e é unha oportunidade única de rexeneralas ao tempo que creamos concienciación social ao respecto”, destaca o alcalde de Nigrán, Juan González. Desde Hydrosphere sinalan Praia América como o lugar máis idóneo para este proxecto “ao mesturar por unha banda o seu alto valor ecolóxico e estar provisto de sistema dunar e, por outra, ter unha elevada afluencia de visitantes e gozar de infraestruturas destinadas ao ocio e o turismo”. Así, o fin último de todos os obradoiros é aumentar o coñecemento de conceptos básicos e acadar un cambio positivo nas actitudes e valores dos participantes que estimule o uso responsable dos espazos, buscando un equilibrio entre a explotación social e económica das praias e a súa protección.

“Este proxecto trae consigo dúas cousas fundamentais para este goberno: por unha banda protexer mellor o noso patrimonio natural e, con elo, gañar en ecoloxía, e, por outra banda, creará cidadáns máis comprometidos coa súa contorna e máis sensibilizados medioambientalmente”, conclúe o alcalde.