Unha das áreas máis necesaria e valorada do Centro de Información á Muller de Gondomar é a asesoría xurídica, pero na actualidade atópase inoperativa debido á xubilación da profesional que estaba a cargo. Ante a demanda das usuarias, desde o propio CIM son derivadas aos centros doutros Concellos, o que probablemente provoque a saturación deste servizo nos municipios da contorna.
“Unha das funcións máis destacadas deste servizo é informar dos seus dereitos a mulleres vulnerables, así como tramitar ordes de protección a vítimas de violencia de xénero ou medidas cautelares en colaboración cos Corpos de Seguridade do Estado. Polo que non se entende que un Goberno que presume da súa implicación coa erradicación da violencia de xénero os 25 de Novembro, non se responsabilice das súas competencias nesta materia e dispoña dos recursos necesarios para combater esta lacra e apoiar as vítimas”, engade Bárbara Otero, Portavoz de Podemos Gondomar.
Outro inconveniente engadido que se está a dar neste departamento é o extenso período de espera que existe para acceder á atención psicolóxica, causando unha total situación de desamparo ás usuarias, especialmente ás vítimas de violencia machista.
Polo que Podemos Gondomar solicita ao Goberno Local unha verdadeira implicación nas políticas de igualdade coa contratación do persoal necesario neste departamento, podendo utilizar os Fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero para este fin e deste xeito liquidar estas carencias coa maior celeridade.

