Nigrán continúa o I Ciclo de Novos Intérpretes co pianista catalán Ot Ortega Travé

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 23 de abril ás 20:00 horas no Auditorio Municipal o concerto do pianista catalán Ot Ortega Travé, encadrado no I Ciclo Novos Intérpretes lanzado o pasado decembro desde o consistorio. A entrada é de balde ata completarse o aforo. Considerado un prodixio de só 14 anos, o músico tocará temas de Haydn, Prokofiev, Beethoven e Chopin. O programa e o seu CV están pendurados na web municipal http://www.nigran.es.

Nacido en Berga (Barcelona) o 21 de outubro de 2007, realiza estudos musicais desde os 3 anos na Escola Municipal de Música de Berga. Á idade de 5 anos inicia o seu primeiro curso de piano e xa aos 9 anos accede ao Conservatorio de Música dos Pireneos na especialidade de Piano, sempre acompañado da profesora Carme Mascaró. Asistiu a clases maxistrais con Alba Ventura, Seon-hee Myong e Vladislav Bronevetzky e, actualmente, participa no Programa ESMUC Júnior. Ao longo deste período foi galardoado en diferentes concursos nacionais e internacionais: primeiro premio dos XVI Premios de Interpretación Musical do Conservatorio de Xirona; terceiro premio ex-aequo do 1st Ricard Viñes piano Kids and Youth de Lleida; primeiro premio do III Premio BBVA de música ao talento individual, onde tamén obtivo o Premio especial ACCat á mellor interpretación dunha obra dun compositor catalán; e premio á mellor interpretación dunha obra de J.S. Bach e primeiro premio do 22 Premio Infantil de Piano Santa Cecilia en Segovia. Tamén foi convidado a diferentes concertos, recitais e festivais: Hammerklavier International Piano Series en Barcelona; Real Academia das Belas Artes de San Fernando en Madrid; MUSEG 2019 en Segovia; Gala de entrega do Premio BBVA de Música de Cámara Montserrat Alavedra en Terrassa; XXVII Tempada Musical da Universidade de Lérida en Lérida; Concerto Benéfico Ginkgo en Berga e Festival AIMS en Solsona, entre outros.