Baiona clausurou hoxe o Programa de Conciliación de Semana Santa, no que participaron 30 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. Unha iniciativa da Concellería de Igualdade do Concello de Baiona a través do Centro Municipal de Información á Muller, que cumpre unha dobre función: promover a conciliación da vida familiar e laboral e ao mesmo tempo facilitar un espazo educativo e de entretemento para os nenos e nenas, favorecendo o seu desenvolvemento integral. A actividade é cofinanciada pola Deputación de Pontevedra no marco do Plan Concellos 2022 (Liña 2).
Así, o 11, 12, 13 e 18 de abril os nenos e nenas participantes puideron gozar no CPI Cova Terreña coas numerosas e variadas actividades organizadas, que incluíron desde xogos ata obradoiros e manualidades. O Programa de Conciliación Semana Santa 2022 tivo unha gran acollida entre as familias do municipio xa que se cubriron todas as prazas ofertadas.

