Sin categoría

O tridente do Vigo-Rías Baixas ataca a gran clásica da Copa de España

Reforzado pola súa actuación do pasado domingo en Torredonjimeno, o Vigo-Rías Baixas afronta este domingo a gran clásica da Copa de España Elite-Sub23. Ao día seguinte de que a Volta ao País Vasco profesional conclúa no Santuario de Arrate, o Memorial Valenciaga repetirá final na histórica subida guipuscoana. Será o espectacular colofón a unha xornada reservada para escaladores e na que a estrutura presidida por José Luis Chamorro aspira a brillar co seu tridente.

Asier González, noveno na última cita da Copa; Pablo Ara, o mellor clasificado do equipo na xeral; e o recentemente chegado desde o campo profesional á estrutura flúor Vicente Hernaiz compartirán galóns no conxunto que dirixe Modesto Pérez. Un trío de corredores consolidados na categoría e que buscará ser protagonista no seu terreo preferido. Xunto a eles, como escudeiros, estarán os polivalentes Álvaro Carasa e Ángel Maneiro, e os prometedores Martín Rey e Martín Barrero, que descubrirán o Valenciaga.

A sexta xornada do certame estatal presenta un percorrido que ata este ano era o máis esixente da Copa, pero que agora comparte ese cartel coa proba que o Vigo-Rías Baixas organizará o próximo 15 de maio. A 51ª edición do memorial eibarrés expón un trazado de 153,5 quilómetros con cinco portos de montaña. As subidas de 3ª categoría de Itziar e Aia atópanse na primeira parte do perfil, mentres que no tramo final os corredores ascenderán Ixua (1ª), San Miguel (3ª) e por último Usartza, o porto de 1ª que se coroa a 2,5 da meta en Arrate.

Challenge Volta Ao Barbanza

Esta fin de semana tamén chega cunha atractiva competición para o Vigo-Rías Baixas Júnior. Os pupilos de Pedro Valverde disputarán o sábado pola tarde e o domingo pola mañá a primeira edición da Challenge Volta Ao Barbanza. A primeira xornada (97 km) terá Boiro como epicentro e a segunda (83,1 km), que será a cita inaugural da Copa Galicia, empezará e terminará na Pobra do Caramiñal.