
Gaespla, empresa de Gondomar dedicada á instalación de cartón e xeso, foi seleccionada como finalista no XIII Trofeo Golden Gypsum, pola rehabilitación dunha vivenda na cidade olívica na que realizaron trasdosados, tabiques, teitos, luz indirecta e tabicas, así como o seu correspondente illamento.
Moi preto do porto de Vigo e coa máxima de aproveitar a luz natural, levouse a cabo a reforma desta vivenda unifamiliar. A estrutura que máis destaca é o espectacular cubo suspendido, elaborado na súa totalidade con sistemas Placo e ISOVER, así como as escaleiras suspendidas cuxo único soporte estrutural son 2 tirantes metálicos en cada banzo. Tabiques e trasdosados combinaron a placa Habito coa la mineral Geowall, conferíndolle ao espazo un elevado illamento acústico e térmico. Naquelas zonas con luz indirecta onde se precisaba un acabado perfecto empregáronse sistemas con 4PROL e Placo BA con la mineral IBR, que ademais de potenciar o illamento actúa como barreira de vapor. En zonas expostas á humidade optouse por sistemas Placo PPM e Glasroc X.
“Este galardón é un recoñecemento único no sector que premia a profesionalidade, execución, innovación así como deseño e calidade do traballo realizado no noso sector”, apunta Domingo Cerzón Misa, responsable da empresa gondomareña. A votación en cada unha das seis categorías dispoñibles estará aberta ata o día 12 de abril. O proxecto de Gaespla é o nº 5 de SECTOR RESIDENCIAL (Rehabilitación de vivenda en Vigo).
“Os finalistas de cada categoría presentarémonos nun evento que se celebrará o próximo 21 de abril en Madrid. Os seis proxectos galardoados nesta edición nacional optarán ao Trofeo Internacional do Saint-Gobain Gypsum Trophy, que se celebrará en 2023 en Atenas. Sería un gran orgullo que unha empresa galega chegase a tal recoñecemento”, conclúe Domingo Cerzón.