O teatro volve ao casco vello de Baiona coa terceira edición de “BrevEscénica”

A Concellería de Cultura do Concello de Baiona organiza “BrevEscénica” o vindeiro venres 8 de abril. Trátase da Terceira Mostra de Artes Escénicas Profesional de Formatos Breves, que se desenvolve en diferentes espazos do casco vello da Vila, onde se representan pezas curtas nun marco alleo ao espazo escénico habitual.

Esta terceira edición de BrevEscénica ponse en marcha co gallo de celebrar o Día Mundial do Teatro. A idea é mobilizar á Vila por medio do teatro. O cartel ofrece todo tipo de espectáculos para todas as idades tendo como pano de fondo o humor. Trátase dun proxecto cargado de atractivos, que non deixará indiferentes aos espectadores e espectadoras que se acheguen até a localidade a gozar do teatro.

Artistas e Actuacións:

PREÁMBULO (para un sen motivo), OLGA CAMESELLE

  • Ás 19:00 horas nos Xardíns da Casa da Navegación (en caso de choiva farase no Hall do Concello de Baiona)
  • Danza Contemporánea
  • Destinado a público adulto
  • Duración: 15 minutos

Avanzar nun lugar, nun espazo no que se expresen ou agromen imaxes, sons, palabras, acenos, movementos… un pensar danzante. Descoñezo se existe algún motor concreto que xere un pensamento non consciente. Descoñezo cómo é ese pensamento. Descoñezo cómo ese pensamento pódese cristalizar nunha acción, nun movemento, nun momento danzado. Só teño a certeza de que é un feito único, de incerta configuración, efémero como a propia acción de avanzar.

ANOTACIÓNS PARA UN PERGAMIÑO PORTÁTIL, SILVIA PENAS

  • Ás 20:00 horas no Hall do Concello
  • Poesía escénica
  • Destinado a público adulto
  • Duración: 20 minutos

Anotacións para un pergamiño portátil é un recital poético que parte de diversas cantigas medievais de Johan Zorro, Joahn García de Guilhade e Martín Códax. A voz poética enfúndase nun traxe de efectos sonoros e outros elementos que poderían encadrarse no terreo da música electrónica e que conviven con ferramentas propias das artes escénicas ademais da compoñente literaria. Trátase de que o discurso, o espazo escénico e o espazo sonoro sexan un mesmo artefacto. Homenaxe a trobadores e xograres e á poesía con vocación de ser cantada, mais traída a un código poético actual en boca dunha muller.

KARAOKE, SERGIO LLAUGER

  • Ás 21:00 horas no Hall da Biblioteca
  • Teatro
  • Destinado a público adulto
  • Duración: 20 minutos

Karaoke é un espectáculo unipersoal que reflexiona sobre a soidade, a depresión e o alcoholismo. Un actor enfróntase nun karaoke ao seu maior medo: ser patético. Durante a súa estancia no karaoke pasarán diversos personaxes que nos mostrarán as sombras da vida nocturna.

Entre o monólogo cómico, o drama social e o espectáculo musical, Karaoke propón ás espectadoras reflexionar sobre si mesmas. Atoparanse con preguntas que, igual que lle acontece ao seu protagonista, serán moi difíciles de contestar.

A IDEA PRIMARIA É ESNAQUIZALO A CABEZADAS (fragmento), MARÍA LLANDERAS

  • Ás 22:00 no Hall do Concello
  • Performance
  • Destinado a público adulto
  • Duración: 15 minutos

A idea primaria é esnaquizalo a cabezadas (fragmento) é unha performance que nace como unha deriva, un desvío no camiño. O xerme é o proxecto escénico sobre a poeta Xela Arias que estou desenvolvendo.

Durante o proceso de investigación entrevistei varias veces á miña nai, quen compartiu cidade e xeración con Xela. Nestas conversas, apareceu repetidamente o clima de inestabilidade, tensión e perda que viviu a súa xeración. Esta performance pon o foco nestes aspectos da realidade dos oitenta e tende unha ponte entre a micro-historia, a poesía e as artes vivas.