Primeiro posto para o Club de Loita Sabarís na Xornada Sur da Liga de Deporte Base

O Club de Loita Sabarís, composto por loitadores do CEP Sabarís de Baiona, CEIP Humberto Juanes de Nigrán e Pavillón Municipal de Deportes de Baiona, conseguiu o primeiro posto por equipos na Xornada Sur da Liga de Deporte Base de Loitas Olímpicas despois de dous anos sen poder competir debido á pandemia.

A competición, coorganizada co Club San Ignacio de Vigo no Pavillón de Teis e con preto de 150 deportistas de 6 a 13 anos, desenvolveuse en tres tapices de 6 x 6 metros, para que os 7 equipos participantes -Club San Ignacio de Vigo, Club O Castro de Vigo, Club Kuzushi de Vigo, Club Ciudad de Vigo, Club Sabarís de Baiona, Club A Cambadela da Estrada e Club de Loita Pontevedra- puidesen loitar entre eles.

Tras o éxito da xornada norte celebrada en Lugo, os 7 mellores clubs da zona sur de Galicia mostraron o nivel deportivo dos seus loitadores e loitadoras. Unha xornada lúdico-competitiva, tras 2 anos de parón obrigado pola crise sanitaria.