Sin categoría

O Okofen de Javier de la Gándara gaña a súa quinta Liga de Inverno de J80

O Okofen de Javier de la Gándara volveu demostrar este sábado por que é un dos mellores J80 de Galicia tras gañar, unha vez máis, a Liga de Inverno que o Monte Real Club de Yates organiza para os monotipos de 8 metros.

O veleiro liderado polo histórico regatista vigués e con Diego Fernández e Jaime Gándara como tripulación base, aos que se foron sumando diferentes regatistas nas distintas xornadas, sumou o seu quinto título na competición (o cuarto consecutivo) tras os conseguidos en 2017, 2019, 2020 e 2021.

Fíxoo cun balance final de 14 puntos derivados duns parciais case perfectos (1-2-1-3-1-1-1-1-1-1-1), de descartar da clasificación os seus dous peores resultados (un 4º posto e un fóra de liña) e de superar ao segundo e terceiro clasificado por 12 e 29 puntos.

O director xeral de Baitra Accesorios Navales, Juan Carlos González, foi o encargado, como patrocinador do evento, de entregar o trofeo a un equipo que seguro dará que falar no que resta de tempada regateira, non só nas ligas de J80 senón tamén nas demais competicións nas que os 8 metros participan con clase propia.

Tras recoller o seu galardón, Javier de la Gándara mostrouse moi satisfeito por lograr esta quinta vitoria ligueira, e de facelo, dixo, “nunha competición na que cada vez resulta máis complicado gañar porque -segundo asegurou- a calidade das tripulacións aumentou moito e hai equipos que navegan moi ben”. Para o regatista foi unha “liga moi completa, con moitas probas e moi bo vento”, o que lles permitiu gozar da navegación.

A entrega de premios e posterior cea de confraternización puxeron fin a unha xornada na que se notaron especialmente os nervios na auga. Todos querían axustar ao máximo as súas posicións e mellorar os seus resultados para a clasificación final e acabaron forzando unha chamada xeral na primeira proba e un par de fóra de liñas nas outras dúas mangas.

Cun vento do norte que soprou con boa intensidade e un campo de regatas situado entre a Virxe da Rocha e as Estelas, as dúas primeiras mangas foron para o Okofen e a terceira e última para o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro, que acabou segundo na xeral e levou a prata da Liga de Inverno con 22 puntos.

O Marías de Manel Cunha, que tiña todas as papeletas para pechar o podio de gañadores non saíu este sábado a competir, e iso provocou que perdese todas as súas opcións de colgarse medalla. Deixou vía libre ao Cansino de Alejandra Suárez para subirse ao terceiro caixón e colgarse o bronce con 43 puntos.

O grupo dos cinco mellores da liguiña de monotipos pechárono o Spaco de Santiago Estévez, cuarto con 59 puntos; e o portugués Marías, quinto con 69. Os trofeos entregáronos, ademais do director xeral de Baitra, Juan Carlos González; o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; e a deputada de Promoción Económica da Deputación de Pontevedra, Raquel Giráldez.

A Liga de Inverno Baitra J80 celebrada durante estes catro primeiros meses do ano en Baiona puxo de manifesto, unha vez máis, a boa saúde da que gozan os 8 metros en Galicia. Un estado que non só reflíctese no progresivo aumento de unidades senón tamén en melloría que propiciou entre as tripulacións a chegada do adestrador Carlos Llamas para preparar aos equipos de fronte ao Campionato de España e o Mundial que Baiona acollerá este ano e o seguinte.

Co peche da liguiña de monotipos, o Monte Real Club de Yates prepárase xa para dar saída á súa tempada de cruceiros, que empezará este mesmo mes de abril coa celebración, o día 23, do Trofeo Comunica; e do Trofeo Repsol os días 29 e 30 de abril e 1 de maio. O prazo de inscrición para ambas as dúas competicións xa está aberto a través da web do club.