Sin categoría

Gondomar ofrece un curso gratuíto de manexo de dron

A Concellería de Xuventude do Concello de Gondomar ofrece a posibilidade de realizar dous cursos de manexo de dron, dirixidos preferentemente á mocidade entre 18 e 35 anos que teñan a ESO ou equivalente, tendo a obrigatoriedade de superar un exame online realizado pola EASA para acceder ao curso A2.

O sector dos drons está a ter un crecemento exponencial, dando paso a importantes posibilidades de actividades e negocios en ámbitos como agricultura, medio ambiente, vixilancia, reparacións industriais, picking, entre outros.

Para poder despegar no uso dos drons é fundamental formar á mocidade e achegarlles esta ferramenta como un complemento á súa formación, chegando a ser así un currículo diferenciador. A Axencia Europea de Seguridade Aérea (EASA) dentro da categoría aberta establece dúas subcategorías:

– Curso A1/A3: curso inicial e que require da superación dun exame teórico online, para acceder ao segundo nivel.

– Curso A2: curso categoría específica. Superación exame online.

O prazo de inscrición será do 4 ao 22 de abril e a data de comezo do curso A1/A3 será o día 2 de maio. Primeiro abrirase o prazo de inscrición do curso A1/A3 e os participantes que superen o exame poderán acceder ao nivel A2. Esta formación ten unha duración total de 50 horas con formación teórica e práctica cos drons máis utilizados no mercado.

Para presentar a solicitude é preciso cubrir os anexos que xa están dispoñibles na web do Concello de Gondomar, na OMIX ou que tamén se poden solicitar a través do correo electrónico omix@concellodegondomar.gal e para facer efectiva a solicitude deben achegar a documentación solicitada no Rexistro do Concello de Gondomar ou a través da sede electrónica do concello. Máis información no teléfono 986369746 ou no correo omix@concellodegondomar.gal.